A deputada Patricia Otero criticou na Mariña que “se as bonificacións do 80 % nas peaxes de acceso á rede para as electrointensivas non están hoxe vixentes é por culpa do PP”
O senador César Mogo mostrou o apoio do PSdeG á alcaldesa de Viveiro e cualificou de “incomprensible” que unha formación progresista planee darlles o goberno aos populares
O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, valorou o impulso á autovía A-74 por parte do Goberno central e reclamoulle á Xunta que estea “á altura” e desbloquee a VAC Costa Norte
O senador César Mogo e a deputada Patricia Otero fixeron hoxe balance na Mariña, acompañados polo alcalde de Foz, Francisco Cajoto, das últimas iniciativas do Goberno que afectan á comarca. Tamén do bloqueo sistemático do PP no Parlamento a medidas que melloran os servizos públicos, as condicións de vida da cidadanía e o desenvolvemento económico.
Especial mención fixo Otero sobre os efectos da negativa dos populares a apoiar o decreto que o Goberno someteu a votación no Congreso o pasado 23 de xaneiro, aínda que moitas das medidas que os de Feijoo trataron de tombar saíron adiante esta semana por mor do traballo dos socialistas para acadar acordos á marxe da alianza de dereita e ultradereita. No que afecta de xeito directo á comarca da Mariña, a deputada no Congreso recriminoulle ao PP que coa súa negativa fixera decaer as bonificacións do 80 % ás empresas electrointensivas no referido ás peaxes de acceso á rede. “O que fan é un paripé, porque din que defenden Alcoa e o mantemen dos postos de traballo e despois votan en contra das axudas que puxo en marcha o Goberno socialista”.
“Se esas bonificacións do 80 % nas peaxes de acceso á rede para as electrointensivas non están hoxe vixentes é por culpa do PP”, remarcou Otero. “Votaron contra Alcoa e contra os postos de traballo”, resumiu. Pola contra, o Executivo central “traballa a prol da industria electrointensiva da comarca aumentando as axudas para compensar as emisións de CO2”, que pasaron de 300 millóns no 2024 a 600 no 2025, mentres que cando gobernaba o PP eran de só 6 millóns.
“Cumprimos a nosa palabra”, afirmou a parlamentaria socialista para poñer en valor a aprobación, este mércores, da revalorización das pensións conforme ao IPC, da suba do salario mínimo ou a continuidade dos bonos gratuítos de transporte, entre outras medidas.
O alcalde de Foz valorou, pola súa banda, o impulso que o Goberno lle acaba de dar a autovía A-74 coa exposición pública do proxecto para o tramo entre Barreiros e O Carme. “É unha moi boa nova”, dixo Francisco Cajoto sobre unha infraestrutura “fundamental” para a comarca. O rexedor demandou que agora a Xunta estea “á altura” e desbloquee a vía de alta capacidade (VAC) Costa Norte, logo de sucesivos gobernos do PP sen ningún avance nun trazado que debe darlle continuidade á autovía do Estado e conectar a zona norte da provincia lucense con Ferrol.
César Mogo criticou que esta semana os senadores do PP por Lugo intentasen “enredar” sobre cuestións que afectan á provincia, como Alcoa ou Altri, para tratar de converter a Cámara Alta “na caixa de resonancia dos intereses do PP e non dos veciños e veciñas de Lugo”. Pero, ao contrario do que pretendían “o señor Balseiro e o señor Barreiro foron a por lá e saíron trasquilados”, afirmou o senador, xa que o Goberno puxo de manifesto o seu compromiso con Alcoa e os “deberes” da Xunta, e no caso de Altri demostrou que a súa posición “é exactamente a mesma que a do PSdeG”.
“A cidadanía de Viveiro votou maioritariamente progresista”
“É o mesmo PP que esta semana votou contra a utilización do galego nas institucións, o mesmo PP que votou contra as electrointensivas poñendo en risco a viabilidade de Alcoa, o mesmo PP que vota en contra da suba das pensións… O mesmo PP que leva 20 anos afogando a Viveiro sen facer a variante”, enumerou Mogo, que cualificou de “sorprendente e incomprensible” que un partido que concorreu ás eleccións como unha forza polítca progresista, “e que se dirixiu aos electores progresistas”, estea agora estudando darlles a alcaldía de Viveiro aos populares.
O senador, que lle trasladou á alcaldesa, María Loureiro, “todo o apoio do Partido Socialista e de todos e todas os socialistas lucenses”, lembrou que “a cidadanía de Viveiro votou maioritariamente progresista” no 2023, non para que a súa papeleta sirva para que goberne o PP. Por ese motivo, chamou á “coherencia e ao sentido común”. O contrario, asegurou, sería “un engano” tanto á veciñanza como aos propios integrantes de Por Viveiro, que, de pactar cos populares, acabaría “escaldados”, tal como están a demostrar as primeiras baixas de afiliados.