Julio Torrado censurou que o presidente da Xunta fose falar en galego ao Comité Europeo das Rexións mentres bloquean o emprego da lingua nas institucións do Estado e da UE
O portavoz da Executiva do PSdeG denunciou que Rueda volve da súa viaxe a Bruxelas “sen propostas nin acordos” para a pesca tras verse co comisario do sector, tamén popular
“Foille dicir a Teresa Ribera, á que o PP intentou boicotear, que os socialistas temos razón e en Galicia hay unha parálise eólica, para ver se alguén lle bota unha man”, lamentou
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, cualificou hoxe de “viaxe sen sentido” a visita do presidente da Xunta a Bruxelas esta semana. Sinalou, nese senso, tres cuestións “que o propio Rueda marcou como relevantes”. A primeira, o encontro co comisario de Pesca, “compañeiro seu do Partido Popular Europeo”, da que non se coñece “ningunha concreción, nin proposta, nin ningún acordo” pese a que o sector do mar sofre en Galicia un “problema grave” de descenso de capturas, especialmente no que se refire ao marisqueo. “Nin os seus compañeiros os toman en serio”, remachou.
Tamén se reuniu con Teresa Ribera, “á que o PP intentou boicotear” para que non formase parte da Comisión, co resultado “dun ridículo espantoso”. Torrado ironizou con que lle foi explicar “que os socialistas galegos temos razón, que hai unha parálise eólica en Galicia, e intentou ver se alguén lle pode botar unha man”, pero tamén censurou que “foi ofrecer alí información que aquí se nega” sobre proxectos “importantes para Galicia”. “Por que quere falar alí e non aquí”, preguntouse para responder: “Parece que ten moito máis que agochar que ensinar”.
Finalmente, o portavoz da Executiva criticou que Rueda fose ao Comité Europeo das Rexións a falar en galego cando o PP votou en contra do emprego do galego tamén no Parlamento Europeo. “Eu non sei se é cínico ou non sabe o que vota. Calquera das dúas cousas é preocupante”, afirmou. Nesa intervención, o presidente da Xunta demandou unha maior descentralización dos fondos europeos, cando “os seus eurodeputados e os de todos os do PP votaron a favor de que eses fondos estean máis centralizados nos estados e menos nas rexións”.
Julio Torrado abriu a súa comparecencia desta mañá ante os medios cunha mensaxe de “afecto no plano persoal” a Fabiola García, “igual que fixeron moitas e moitos compañeiros estes días nas redes sociais”. Defendeu que, máis alá da crítica política e as distancias entre partidos, “ninguén pode ser sinalado nun panfleto baboso que non debera ser aceptado nin protexido”.
Tamén se referiu á situación do Concello de Viveiro, que vai perder “a mellor alcaldesa que pode ter hoxe”, María Loureiro, pero que “dentro de dous anos vai ser alcaldesa outra vez”. Acordada a moción de censura por parte dos dous grupos da oposición, “só queda unha pregunta por facer e só queda un dato por coñecer”, porque cando “hai alguén que compra e alguén que vende, o único que falta por saber é canto”.
A preguntas dos medios sobre unha campaña na que, valéndose da figura de Son Goku, o PP, e en concreto Elena Candia, acusa á oposición de mentir sobre a situación do galego, o portavoz da Executiva socialista lamentou que os populares, “que relegaron o Xabarín”, o espazo no que se emitía a serie de animación xaponesa, a usen agora dese xeito. “Sobre lingua, o único que lle quero preguntar a Elena Candia é se os anónimos que falsificou no seu día estaban en castelán ou en galego. Dígoo por se o volve facer, para poder recoñecelos”, sentenciou.