A deputada do PSdeG Patricia Otero afirma que, con esta “nova performance”, os populares “van de ridículo en ridículo” despois de opoñerse á revalorización das pensións e ao incremento do salario mínimo para despois dar marcha atrás
A deputada do PSdeG no Congreso Patricia Otero censurou hoxe o que cualificou de “nova performance” do PP, despois de que os populares rexistrasen no Senado unha proposta fiscal sobre o sector primario que inclúe as medidas contra as que votaron no Congreso, cunha especial incidencia en Galicia. “O señor Feijoo vai de ridículo en ridículo”, dixo sobre un movemento que se engade á “metedura de pata” que supuxo non apoiar o Real Decreto Lei 9/2024 (decreto ómnibus). A parlamentaria socialista lembrou que, tras tombar a revalorización das pensións e o incremento do salario mínimo e o ingreso mínimo vital, o Partido Popular tivo que dar marcha atrás e apoiar o novo decreto do Goberno.
Otero mostrouse “perplexa” ao comprobar que o PP rexistraba no Senado —“esa cámara que utiliza como unha extensión de Génova”, dixo— unha proposta fiscal para o sector primario que inclúe as medidas “que votou en contra o propio Feijoo no Congreso dos Deputados”. “Non sabemos se o fixo por descoñecemento ou porque minte descaradamente”, engadiu.
A deputada galega censurou que os populares “voten en contra pola mañá e pola tarde pidan as mesmas medidas nunha rolda de prensa, recollendo sinaturas ou presentando iniciativas parlamentarias”. Ademais, preguntouse “que fixo o PP polo sector”, e recordou que os conservadores non apoiaron a lei de cadea alimentaria, “que prohíbe a venda a perdas”, nin a iniciativa para converter a Axencia de Información e Control Alimentario nun organismo estatal, nin as axudas aos produtores de leite prexudicados polo incremento de custes.
O certo é que o Partido Popular “eríxese en garante do sector primario, pero a verdade é que os feitos van por outro sitio”, asegurou. Por iso propúxolle a Feijoo que “aprenda” do comisario de Agricultura da UE, da mesma familia política e que esta semana “aunaba esforzos co ministro Planas para axudar ao sector”. “Que deixen de mentir xa e traballen co ministerio”, concluíu.
Entre as medidas que o PP incluíu na iniciativa que vén de rexistrar na Cámara Alta atópase un aumento da base de ingresos no sistema de módulos. Porén, o Goberno xa incrementou o límite de 250.000 a 280.000 euros. En canto á deducción do IVE que reclaman os de Feijoo para a maquinaria agrícola e os medios de produción, agricultores e gandeiros xa gozan dun sistema especial para aliviar o pago dese tributo. Por enriba o IVE é neutro para todos os empresarios, e en función do tipo de declaración, o IVE soportado polo agricultor desgrávase no momento de liquidar o imposto. Ademais, en materia impositiva, o Goberno mantén a exención fiscal ao gasóleo.
Os populares propoñen unha elección do sistema de tributación no último exercicio ou promedio dos tres anos anteriores. Pero o certo é que cando a situación o require, o Goberno xa ten flexibilizado o sistema co obxectivo de que o agricultor se acolla ao que máis lle beneficie.
En canto á deducción dos custes de seguros agrarios, que tamén propoñen, implicaría que os agricultores percibisen menos axudas, xa que o Goberno sufraga xa o 50 % da póliza do seguro agrario, unha cantidade que, ademais, está excluída de tributación.
Finalmente, no que se refire a exencións fiscais por inclemencias meteorolóxicas, xa se habilitaron medidas para situacións excepcionais. Por exemplo, rebaixas mínimas do 25 % no IRPF no 2022 (800.000 beneficiarios), do 15 % no 2023 e do 25 % de novo no 2024.