O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, “terá un programa de traballo estable ante as institucións europeas”, avanzou o secretario de Política Europea e eurodeputado socialista Nicolás González Casares
A secretaria adxunta de Organización, Ana Pena, explicou tras a reunión da Executiva do PSdeG que, rematado o ciclo electoral, o partido enfronta o reto de trasladar o dinamismo dos concellos gobernados por socialistas “ao ámbito autonómico”
A Comisión Executiva Nacional Galega trazou hoxe a folla de ruta do PSdeG de cara a nova lexislatura no Parlamento Europeo. Nunha comparecencia coa secretaria adxunta de Organización, Ana Pena, o eurodeputado Nicolás González Casares explicou, tras a reunión do órgano de dirección, que unha das prioridades que vai ter “como representante de Galicia” será “achegar as políticas dos concellos ás institucións europeas”, a través de debates no propio territorio e levando a alcaldes e alcaldesas aos centros de decisión da UE canto se traten asuntos de importancia para os municipios.
O tamén secretario de Política Europea e Transformación Dixital do PSdeG avanzou que o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, “tamén contará cun programa de traballo estable ante as institucións europeas” durante os vindeiros anos.
Coincidindo, ademais, co primeiro ano das corporacións municipais, a secretaria adxunta de Organización lembrou que máis de 1,2 millóns de galegos e galegas teñen un alcalde ou alcaldesa do PSdeG, “prácticamente o dobre que no caso do PP e case catro veces no do BNG”.
Ese “apoio maioritario” da cidadanía é froito, dixo, “da capacidade de xestión dos socialistas”. Como exemplos puxo, entre outros, os avances do último ano en proxectos como o plan Vigo Vertical, a fachada marítima da Coruña, a Aesia ou a estación intermodal de Lugo. “Son só tres, con proxectos nos que queda patente a colaboración entre os concellos e o Goberno socialista de Pedro Sánchez, que fixo posible, ademais, que a alta velocidade ferroviaria chegue xa a moitas cidades galegas”, dixo Ana Pena.
Por ese motivo, explicou, a Executiva márcase como “reto interno” trasladar ese dinamismo dos municipios ao ámbito autonómico.
Presenza no Parlamento Europeo “durante toda a lexislatura”
Nicolás González Casares destacou a importancia de “ter presencia no Parlamento Europeo durante todo o tempo que dura a lexislatura”, xa que unha presenza parcial resulta tan “inadminisible” como ter un representante “que non vive no territorio e nin tan sequera vota nas eleccións autonómicas ou nas municipais”.
Sinalou tamén a importancia de formar parte dun grupo parlamentario forte, como o socialdemócrata, e de participar “en todas as decisións dese grupo”. Subliñou, ademais, que os socialistas loitarán para que ese grupo teña unha presidencia española.
En canto ás liñas de traballo de cara a os vindeiros cinco anos, González Casares comprometeuse a defender a estratexia de desenvolvemento sostible que se propón dende a UE “contra os que non cren que o progreso de Galicia teña que ver coa modernidade”. Así, prometeu que Galicia “será escoitada” e materia enerxética e industrial.
No tocante ao sector primario, avogou por que a Comisión conte cun responsable de Pesca, cunha carteira independente, para apostar porque os aspectos sociais e económicos teñan peso de seu, aparte dos medioambientais. Asegurou tamén que traballará por unha PAC sostible que se adapte ás peculiaridades galegas, especialmente ao tamaño das explotacións.