Patricia Vilán advirte que a negativa da Xunta a contratar novos equipos e pagar horas extraordinarias provocou retrasos de 3 anos
A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, esixiulle hoxe ao goberno galego o reforzo dos Equipos de Valoración e Orientación –EVO- da discapacidade de Pontevedra. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, urxiu a desbloquear o pago de horas extraordinarias e reclamou que os novos EVO anunciados para Pontevedra sexan permanentes e con persoal formado sen necesidade de supervisión e non “un parche”.
A responsable socialista criticou que o goberno galego “vai a remolque” nas necesidades para a provincia. Advertiu que o retraso de 8 anos no reforzo destes equipos provocou unha situación insostible para as 10.000 familias que están na lista de agarda na provincia e para unhas valoracións que poden chegar a adiarse ata 3 anos, cando o prazo máximo legal, incluída a prórroga extraordinaria, é de 3 meses.
Vilán sinalou que os atrasos “si que producen efectos prexudiciais” para as familias, incluíndo a perda de 100 euros mensuais de beneficios fiscais por prestación de fillo a cargo, ás bolsas escolares, o acceso a estudos superiores, reducións no IRPF, exencións no imposto de matriculación, axudas para usar prazas de aparcadoiro e mesmo o dereito a prazas de emprego público.
Acusou ao conselleiro de Política Social de “mentirlle á Valedora do Pobo” ao sinalar que os médicos do Sergas remitiran 904 expedientes, cunha valoración de 223, pero “agocharon que dúas terceiras partes desas valoracións foran devoltas polos EVO de Pontevedra por estar mal feitas”.