Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que cando se produce unha urxencia o ambulatorio queda baleiro e desatendido algunhas veces ata tres horas, o que constitúe unha mostra máis do que está a acontecer en toda a sanidade Galega
A deputada socialista critica que a Xunta anunciou que cubriría en cuestión de semanas a baixa definitiva da outra facultativa que traballaba nas instalacións pero non cumpriu ese compromiso
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta alertou hoxe do colapso do centro de saúde de Lobios, no que unha soa médica vén facendo o traballo de dúas dende o pasado novembro. Foi hai nove meses cando se produciu a baixa definitiva dunha das dúas facultativas que atendían á poboación de 1.700 persoas do municipio. Dende entón, esa vacante permanece sen cubrir.
Rodríguez Dacosta sinalou como unha mostra máis da situación crítica na que se atopa a atención primaria en Galicia, tal como veñen denunciando os socialistas nos últimos meses, con centros de saúde pechados, instalacións que funcionan incluso coa metade de facultativos que lles corresponden e listas de espera superiories ás dúas semanas para os usuarios e usuarias.
A parlamentaria do PSdeG reprochoulle á Xunta de Galicia que anunciara a chegada dun novo profesional a Lobios “en cuestión de semanas”, que finalmente se converteron en meses, “e xa vai camiño dun ano no que as veciñas e os veciños non teñen garantido o servizo de atención primaria pese ao sobreesforzo ao que está sometido o persoal sanitario”. Así, segundo explicou, cando se produce unha urxencia fóra das instalacións e a médica e a enfermeira se ven na obriga de desprazarse, o ambulatorio “queda baleiro e desatendido todo o tempo que dure a intervención”. Nalgúns casos, ese período superou as tres horas.
“Por enriba, o verán pasado a médica tivo que cubrir as vacacións da súa compañeira de Muíños, polo que o centro de saúde quedaba sen atender a partir do mediodía, cando tiña que marchar ao municipio veciño”, engadiu a deputada do PSdeG, que advertiu que a Xunta de Rueda está sometendo a Lobios a unha precariedade sanitaria “que podería ser peor se non fose pola profesionalidade e o traballo da actual facultativa, da enfermeira e do persoal administrativo”.
Carmen Rodríguez Dacosta sinalou tamén que, ao igual que noutros concellos galegos, a situación en Lobios agravouse “de xeito considerable” durante a época estival polo incremento de poboación no municipio, “sen que o Goberno galego tomara as medidas precisas”, insistiu.
Ante a prolongación do problema “sine die”, a deputada por Ourense rexistrou unha proposición non de lei co fin de esixirlle ao Executivo do PP que garanta “un servizo sanitario digno”, para o que é condición indispensable que a praza de médico vacante dende novembro de 2023 “se cubra á maior brevidade”.