A deputada Patricia Iglesias aplaudiu que, pese a rexeitar a proposta do Partido Socialista dun novo plan eólico, a Xunta rectifique agora e anuncie que o vai desenvolver, “como xa fixeron antes Castela e León, Aragón e o Ministerio para a Transición Ecolóxica”
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares esixiulle ao Goberno galego “seriedade e planificación” e advertiu de que a viaxe da conselleira para, segundo ela mesma dixo, intentar influír no Tribunal de Xustiza e na Comisión crea “inseguridade”
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares e a deputada no Parlamento galego Patricia Iglesias veñen de reclamarlle á Xunta que desenvolva a planificación necesaria para garantir no futuro o despregamento das enerxías renovables na comunidade autónoma. Nunha comparecencia esta mañá, González Casares esixiulle á conselleira de Medio Ambiente “seriedade e planificación” para evitar que “arruíne” o potencial dunha industria “fundamental para Galicia”. Pola súa banda, Iglesias aplaudiu que, despois de rexeitar na Cámara autonómica a proposta do Grupo Socialista, a Xunta rectifique agora e anuncie que se vai poñer a traballar nesa planificación, “algo no que levamos insistindo sete meses no Parlamento”.
O eurodeputado lamentou que a conselleira viaxase a Bruxelas, segundo dixo ela mesma, “a presionar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e logo á Comisión”, dentro dunha estratexia que “crea desconfianza” nas institucións e traslada “inseguridade e incerteza”. Advertiu, ademais, do “fondo descoñecemento” que mostrou a conselleira cunha pretendida xestión ante o TXUE, que “nin sequera ten a sede na cidade que ela visitaba”.
Tanto González Casares como Iglesias demandáronlle á Xunta que se adapte canto antes ao marco normativo europeo. “Sobran enganos e falta transparencia”, afirmou o primeiro, que sinalou que esa actualización lexislativa favorecería “unha mellor planificación, unha aceleración burocrática dos permisos e o diálogo cos territorios implicados”, tendo en conta sempre a rigorosidade na avaliación ambiental. Pero “o único que fai a Xunta é crear desacougo e tamén dificultar a implicación da cidadanía na transición ecolóxica”, criticou.
A parálise do sector eólico en Galicia, “que significa tamén unha parálise da transición enerxética”, remarcou Patricia Iglesias, afecta xa a 65 parques suspendidos polo Tribunal Superior, pero “tamén é responsabilidade do Goberno galego, que bota balóns fóra e relega todo ao problema xudicial”. A deputada baseou esa afirmación en que os proxectos non só están bloqueados por unha consulta previa ao TXUE, senón que hai casos nos que a paralización se debe a “motivos medioambientais”. “A propia Asociación Eólica de Galicia sinala que están en xogo máis de 5.000 empregos e investimentos millonarios”, apuntou entre as posibles consecuencias.
A raíz do problema é que “temos un plan sectorial que data de 1997”, ao que se engade o “caos absoluto” no que se manexa a Xunta do PP, que anulou “o concurso eólico máis potente de Europa”, o do Goberno de Touriño, para que despois a Xustiza confirmara que era legal.
A deputada criticou que o Partido Popular rexeitase cada unha das propostas sobre enerxías renovables que o Grupo Socialista presentou no Parlamento de Galicia dende o inicio da lexislatura. Por exemplo, a “apisonadora” na que converten os populares a súa maioría absoluta tradúcese en que das 34 emendas do PSdeG ao proxecto de lei de recursos naturais “só se aceptasen dúas, pero referidas a cuestións de estilo”.
Fronte a iso, dende o PSdeG “apostamos por un pacto de país en materia de industria e enerxía. Non podemos perder o tren porque nos xogamos moito”, insistiu Iglesias, que lembrou que outras comunidades autónomas “non gobernadas polo Partido Socialista, como Aragón ou Castela e León” xa desenvolveron unha nova planificación sectorial eólica, como tamén fixo o Ministerio para a Transición Ecolóxica no que se refire á eólica mariña.
“Todos os sectores que participan na transición saben cal é o camiño do Goberno de España neste eido, pero descoñecen cal é a senda da Xunta de Galicia, e por iso nós reclamamos políticas claras”, dixo Nicolás González Casares. Recordou tamén que o Estado tivo que solicitar comparecer como parte interesada na cuestión prexudicial que resolverá o TXUE e “ofreceu a máxima colaboración a Galicia”. “O traballo que non está facendo a Xunta tenllo que facer o Estado”, sentenciou.