A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, alertou do incumprimento por parte da Xunta dos obxectivos mínimos á hora de desenvolver a Lei Paz Andrade de aproveitamento da lingua portuguesa e vencellos coa lusofonía. Burgo destacou a falta de accións concretas de cara a mellorar as relacións cos países lusófonos na comparecencia do director xeral de Política Lingüística hoxe no Parlamento.
A deputada criticou a pasividade do goberno galego á hora de facer valer o exposto na Lei Paz Andrade, incumprindo o seu compromiso co impulso do portugués nos nosos centros de ensino e no relativo as relacións con países lusofalantes.
Advertiu da falta de prazas de mestres de portugués nas ofertas públicas de emprego e criticou a inexistencia dun ensino “continuado” do portugués entre os alumnos que deciden optar polo portugués como lingua optativa. Esta situación contrasta coa de Estremadura, onde os datos amosan que as cifras de estudantes co portugués como segundo idioma son “impresionantes” e multiplican por 6 as de Galicia.
Concepción Burgo tamén destacou a “descoordinación absoluta” do goberno galego á hora de levar a cabo accións conxuntas cos países de fala portuguesa. Neste sentido a deputada sinalou que a cooperación cos países lusófonos non é un “polo estratéxico para o goberno da Xunta” o que supón a perda dunha gran oportunidade de mellora das nosas relacións político-económicas con países cos que compartimos unha gran bagaxe cultural.
Beneficios para Galicia
Burgo criticou que o desinterese do goberno polo mundo da lusofonía esténdese á falla dunha política de impulso das relacións culturais pero tampouco políticas nin económicas cun importante mercado. Sinalou que “Galicia está perdendo oportunidades políticas e económicas con países que son novas potencias como Brasil, pero tamén Angola”
Reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha “unha política de relacións exteriores, sociais, económicas, políticas e culturais cos países lusófonos” que por forza “teñen que ter beneficios para Galicia”.