O incremento do gasto social, nomeadamente en pensións, o compromiso coa chegada do AVE e a inversión para Ferrol implican beneficios relevantes para as galegas e os galegos
Santiago, 14 de xaneiro de 2019. O PSdeG destacou hoxe “o carácter social” dos Presupostos Xerais do Estado, que atenden as demandas dos galegos e das galegas en materia social ao tempo que garanten a conclusión das obras para a entrada do AVE na nosa comunidade.
Así, as contas públicas consignan 8.485,65 millóns de euros, o que supón un incremento de 207,4 millóns de euros con respecto aos anteriores orzamentos. Dese total, 7.670,65 millóns de euros destínanse ao financiamento da comunidade, que ve aumentar a súa contía en 374,30 millóns de euros.
En canto ás inversións territorializadas, situadas nos 815 millóns de euros, permitirán a chegada do AVE a Galicia nos prazos comprometidos polo ministro de Fomento, José LuisÁbalos, na súa visita a Galicia. En paralelo, o último Consello de Ministros do 2018 comprometeu a inversión na construción de cinco fragatas en Ferrol por máis de 4.300 millóns de euros, o que implica unha aposta histórica polo sector industrial galego por parte do Goberno socialista.
Ademais, as contas inclúen intervencións nos portos de Ferrol e A Coruña por máis de 55 millóns de euros; obras en estradas no entorno dos 80 millóns de euros (para cuestións tan sinaladas como o sistema de protección anti-néboa da A-8 ou as melloras na A-54 e a A-57); e actuacións no Camiño de Santiago ou a ría do Burgo, entre outras iniciativas.
COMPROMISO SOCIAL
En paralelo, o compromiso social do goberno de Pedro Sánchez permiten a mellora das pensións dos nosos maiores, subir o salario mínimo dos traballadores ou mellorar as rendas dos empregados públicos de Galicia.