A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou o escaso peso das axudas á vivenda nos Orzamentos da Xunta para o próximo ano. Na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda hoxe en Comisión, cualificou de “inaceptables” os orzamentos da Xunta neste apartado, un incremento pírrico do 0,41 por cento nas axudas á vivenda en propiedade e aluguer en plena crise social pola covid.
A responsable socialista criticou o empeño do PP e do goberno galego por “xerar medo na poboación con iniciativas populistas falando de okupación”. Esixiulles que “se dediquen a priorizar o impulso do parque público de vivenda en aluguer, acadar unha xestión moito máis eficiente do parque público de vivendas protexidas e implantando modelos adecuados ás necesidades da cidadanía”.
Castro alertou do “insignificante incremento” de apenas o 0,41 por cento no programa de Acceso á vivenda en réxime de compra ou aluguer, que resulta “inaceptable nun contexto no que será máis necesario que nunca o apoio no acceso á vivenda para máis persoas”. Lembrou que este programa, que debera ser “unha prioridade fundamental”, en 2019 contaba con 28 millóns, que foron rebaixados a 14 coas modificacións orzamentarias, dos que só executaron un 28 por cento.
Denunciou o desinterese do goberno galego polo parque de 230.000 vivendas baleiras, de acordo cos datos do IGE, máis do 25 por cento das cales atópanse nas sete principais cidades, “xustamente onde a demanda de vivenda é máis forte, especialmente para o alugueiro”.
Reclamou ademais o replantexamento do Plan Rexurbe, que “neste momento supón unha rebaixa das cautelas e a protección do noso patrimonio histórico e provoca inseguridade xurídica”. Dixo que “agora máis que nunca debe prevalecer o criterio social fronte ás políticas neoliberais, para o que necesitamos unhas normas que conteñan modelos urbanos que aposten por unha sociedade máis equitativa e democrática e a protección do patrimonio histórico e cultural”.
Medio Ambiente
Paloma Castro criticou o “absoluto desleixo da Xunta de Galicia en materia medioambiental”, cuns orzamentos que a pesares dun incremento na partida de actuacións ambientais tan só chegan aos 199 millóns de euros, “incomprensiblemente lonxe dos 295 millóns de euros orzamentados para esta partida en 2009”. Advirte que “nun contexto de forte aposta verde europea e española, a Xunta leva quedando descolgada a nivel político e orzamentario dende 2009”.
Considera un “auténtico escándalo” que o goberno galego tan só orzamente 8 millóns de euros á loita contra o cambio climático. Reclamou “darlle pulo a unha transición ecolóxica sólida e inclusiva”, e considera “imprescindible reactivar a actividade económica e industrial do país en base a un modelo sostible e respectuoso cos límites do planeta”, cun “impulso masivo ás renovables, restaurando e protexendo a biodiversidade”.
Advertiu ademais que o retraso no trámite da Lei de Residuos provocado polo goberno galego, que tardou máis de dous anos en remitirlle o texto ao Parlamento, provocou que “non apareza aliñado coas políticas europeas sobre xestión de residuos”. Rexeitou o modelo de concentración Sogama, que “continúa a estar presente neste anteproxecto de Lei e optamos por un modelo de suficiencia e proximidade”.