A xornada contará coa participación, entre outros, do catedrático de Medicina Legal e experto en xenómica Ángel Carracedo; a vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina de Familia, Susana Aldecoa; o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla; a conselleira de Dereitos Sociais de Asturias, Marta del Arco; o presidente de Cocemfe, Anxo Queiruga, ou o ex ministro de Sanidade José Miñones
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, lembrou que o Partido Socialista está centrado “nas cousas que importan” á Galicia “real”, cun proxecto “valente, honesto e coherente”, fonte a un Rueda que “pon un xersei de Nadal e dirixe orquestras”
O PSdeG desenvolverá nas próximas catro semanas os derradeiros encontros do ciclo “Diálogos con Raíz”, dentro do período precongresual que culminará os vindeiros 8 e 9 de marzo coa reunión do máximo órgano do partido. O portavoz da Executiva e coordinador do relatorio marco do 15.º Congreso, Julio Torrado, avanzou hoxe as datas desas catro xornadas, que se fixaron para os sábados 11, 18 e 25 de xaneiro e 1 de febreiro. Explicou tamén que a intención é que o ciclo se poida seguir celebrando máis alá do congreso, dado o bo acollemento que tivo e a que as súas contribucións “están sendo moi valoradas”. En calquera caso, precisou que será a nova dirección “a que terá que estimalo”.
O primeiro deses catro debates, o do sábado 11 de xaneiro, celebrarase en Ourense. Leva por título “Benestar: dos dereitos á realidade” e constará de dúas mesas. Na primeira delas, sobre sanidade, participarán o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla; o catedrático de Medicina Legal da USC e experto en xenómica Ángel Carracedo —“probablemente o galego máis próximo ao Premio Nobel”, dixo Torrado—; a vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, Susana Aldecoa, e o catedrático de Medicina da USC e ex xefe de Medicina Interna do CHUS Antonio Pose. O moderador será o ex ministro de Sanidade José Miñones.
A segunda mesa, sobre política social, estará moderada pola deputada no Congreso e secretaria de Políticas Sociais do PSdeG, Marga Martín, e contará como relatores coa conselleira de Dereitos Sociais e Benestar do Goberno de Asturias, Marta del Arco; o presidente de Cocemfe, Anxo Queiruga; a deputada autonómica e portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, e a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo.
“A Xunta abandona as súas competencias”
Julio Torrado destacou a importancia de defender os dereitos “tanto no ámbito da sanidade coma nas políticas sociais”, á vez que apuntou ás “dificultades” que existen en Galicia para acceder a eses dereitos. “Temos innumerables exemplos na accesibilidade ao sistema, tanto na atención primaria como na saúde mental”, dixo, e engadiu os problemas que enfrontan as persoas que queren exercer “o último dereito”, como é elixir o xeito de concluír a súa vida. “Debemos reflexionar por que hai gobernos que bloquean ou dificultan leis cando non están de acordo con elas”, dixo.
O portavoz da Executiva lamentou as “dificultades enormes” que teñen especialmente os concellos pequenos no ámbito das políticas sociais “porque a Xunta de Galicia abandona as súas competencias e non ofrece os recursos aos que está obrigada”, de modo que, en realidade, o que fai é “dificultar o exercicio dos dereitos”.
Unha mostra da situación é “que os colectivos que traballan no ámbito das políticas sociais veñen de pedir dimisión á conselleira”, sinalou.
Contribución ao relatorio marco do Congreso
A xornada do sábado 18 terá lugar na Coruña, mentres que a do 25 está prevista en Lugo e a do 1 de febreiro en Monforte. O voceiro da Executiva indicou que, dese xeito, o remate de “Diálogos con Raíz” coincide co peche do relatorio marco “que se ofrecerá a todos e todas as militantes e delegados e delegadas no 15.º Congreso para que a poidan ir enriquecendo”.
Torrado insistiu en que o Partido Socialista está centrado na Galicia “real”, fronte a unha Galicia “ideal”, a do PP, na que “Rueda se pon un xersei de Nadal e dirixe orquestras, pero ao final a Galicia real ten moitas dificultades para acceder aos seus dereitos”.
Así, “Diálogos con Raíz” ten como obxectivo “falar das cousas que importan coa xente que sabe” para que ese coñecemento cristalice no relatorio marco do Congreso en forma dun proxecto “valente, honesto e coherente”, comprometido cunha Galicia “con cualidades e recursos” pero que necesita o pulo que non lle está a dar o PP. “O único que falta é un goberno que dea ese impulso”, subliñou.
A preguntas dos medios, Julio Torrado asegurou que a comunidade está a medrar “grazas á inercia de España” e lembrou que o fai a menor ritmo, creando emprego “de peor calidade” e cun déficit de cohesión no que se refire aos servizos públicos. Tamén se pronunciou sobre as conmemoracións dos 75 anos da morte de Castelao e dos 50 do fin da ditadura. “Somos o partido que representa claramente a reivindicación da memoria histórica no conxunto de España e tamén en Galicia”, recordou, para adiantar que o PSdeG acudirá ás celebracións ás que sexa convidado “e que teñan todo o sentido”.