A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Teresa Porritt, alertou hoxe da “elevada litixiosidade” provocada polas valoracións de inmobles por parte da Axencia Tributaria de Galicia –Atriga-. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que advertiu que os erros no proceso provocan inseguridade e a percepción de indefensión no administrado que deriva na falla de concienciación fiscal.
Porritt reivindicou un “traballo máis concienzudo” á hora de levar a cabo a inspección dos tributos para evitar tanto o malestar dos administrados como a “importante perda de medios humanos, materiais e incluso económicos” derivada da litixiosidade que provoca. Dixo que en 2017 foron presentados 1.368 recursos de reposición ante a administración polos procesos de valoración de inmobles, que tardaron máis de 12 meses de media en ser resoltos.
A parlamentaria socialista sinalou que Galicia sitúase á cabeza, só detrás de Estremadura, das comunidades cun maior desfase entre o valor notificado polo contribuínte e o que se establece na revisión da Atriga, dun 61,9 por cento fronte ao 27,9 por cento de media estatal en 2017.
Os socialistas galegos reclamaron potenciar o persoal e os medios materiais da Atriga co obxectivo de garantir a eficacia nos procesos de valoración dos bens, reducindo así a litixiosidade, a prescrición de expedientes polos elevados retrasos e polo tanto a “sensación de que a cidadanía de que a administración non está a facer ben o seu traballo”.