Besteiro destacou a relevancia de celebrar a xornada nunha cidade que se vai converter “nunha referencia” coa chegada da AESIA e avanzou que o Grupo Socialista emendará a lei sobre IA que impulsa a Xunta pola súa falta de ambición
Un elenco de recoñecidos expertos tanto do ámbito científico como da análise do impacto social e laboral da tecnoloxía debaterán este sábado na Coruña, na Fundación Luís Seoane, sobre ciencia e investigación, dentro do ciclo “Diálogos con Raíz”, que o PSdeG vén realizando durante os últimos meses. A xornada, que dará comezo ás 10.00 horas, prestará especial atención ao desenvolvemento da intelixencia artificial e as súas repercusións.
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe xunto ao primeiro tenente de alcaldesa da cidade, José Manuel Lage, e ás concelleiras Noemí Díaz e Nereida Canosa, o programa, no que destaca, asegurou, “o altísimo nivel dos participantes”. Entre eles figuran científicos, investigadores e expertos de gran prestixio que ofrecerán diferentes perspectivas sobre “cómo impulsar a ciencia e regular o uso da intelixencia artificial dun xeito ético e responsable”.
Sinalou tamén que o evento cobra aínda máis relevancia por ter lugar na Coruña, que albergará a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) froito do traballo dos gobernos socialistas estatal e local, o que converterá á cidade “nunha referencia” dentro do ámbito tecnolóxico e dixital.
Coincidiu con el nesa valoración José Manuel Lage, que asegurou que A Coruña enfronta a súa “segunda gran transformación” logo de que os gobernos socialistas dos anos oitenta e noventa impulsaran a súa modernización.
Besteiro referiuse, ademais, ás implicacións da IA para a vida diaria das persoas e a súa influencia sobre aspectos como a información, que tamén se analizará nos “Diálogos con Raíz”, especialmente no relacionado coa propagación das coñecidas como “fake news”. José Ramón Gómez Besteiro subliñou a necesidade de fixar unha regulación que garanta que a intelixencia artificial estea “ao servizo das persoas” e que se protexan os dereitos e a privacidade.
Besteiro explicou que, con este tipo de iniciativas, o PSdeG quere reforzar o seu compromiso coa ciencia e o coñecemento nunha Galicia “con talento e capacidade” para situarse á vangarda, algo para o que require tanto apoio coma ambición por parte das institucións. Nese senso, avanzou que o Grupo Socialista emendará a lei que impulsa a Xunta para regular a IA, porque se trata dun texto carente desa ambición.
“Diálogos con Raíz” é un ciclo de debates que o PSdeG está levando por toda Galicia para abordar temas que preocupan á cidadanía, como a vivenda, o financiamento local e a sanidade. Estes foros están abertos a especialistas e expertos de todos os ámbitos, partidos políticos e á cidadanía en xeral, porque, lembrou Besteiro, o partido entende que os grandes desafíos da sociedade galega deben estar “abertos” a unha análise plural.
Nesta ocasión, a xornada contará con expertos como María de la Fuente, directora do grupo de nanooncoloxía do IDIS; Juan Lema, catedrático de Enxeñaría Química e presidente da Academia Galega de Ciencias; Salvador Naya, catedrático de Estatística e Investigación Operatuva da UDC; Berta Guijarro, profesora de Computación e Tecnoloxías da Información; Alberto Gago, experto da Secretaría de Estado de Dixitalización e IA; Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e José Varela Ferrío, responsable de dixitalización de UGT. O deputado autonómico e ex reitor da UDC Julio Abalde e o catedrático de Ciencias da Computación e IA Senén Barro serán os encargados de moderar as mesas.