A parlamentaria socialista María Pierres criticou que os Orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2020 son “unha burla ao medio ambiente”. Pierres interveu na comparecencia da conselleira na Comisión de Orzamentos, onde lle censurou que “tire definitivamente a toalla en materia de vivenda”, pasando de cualificar 8 vivendas de protección pública neste último ano ás 26 previstas para 2020 “das 14.200 que se precisan”.
A responsable socialista advertiu que a redución do orzamento nun 4,53 por cento, incluíndo un 0,72 por cento menos para Ordenación do Territorio “sen dúbida é unha sinal de inmobilismo e de falla de compromiso deste goberno co país, co seu territorio e co medio, que de seguir sendo abandonado acabará por demostrarnos que o desprezo é mutuo”.
Sinalou en primeiro lugar que a Consellería “non trata correctamente ao medio ambiente”, como demostra que a 30 de setembro tan só teña executado a metade dos orzamentos, e para o próximo ano constata a súa “renuncia á auga”, xa que Augas de Galicia pasou a depender de Infraestruturas. Resumiu que “á vista destes datos o medio ambiente galego non está precisamente para festas”.
Ao difícil horizonte súmase, dixo, as “correspondentes promesas incumpridas que teñen que ver co que se planifica ou compromete pero non se executa”, como por exemplo a ampliación do complexo medioambiental de Cerceda ou a nova Lei de Residuos de Galicia. Tampouco cumpriron, dixo, coa Estratexia Galega de Cambio Climático 2050, ausente dos Orzamentos para 2020, igual que a Estratexia de Sustentabilidade ou a Estratexia de Economía Circular.
Sinalou que tampouco aparecen nos orzamentos os plans reitores de uso e xestión dos parques naturais, e preguntou se “vamos ter que agardar outros 16 anos, como os que lles levou aprobar o Plan Reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas”.
Desbotou tamén os anuncios do goberno galego en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que pretende ampliar os concellos beneficiarios de axudas en equipamentos e contornos urbanos do 65 por cento de 2019 ao 90 por cento en 2020 pero cos mesmos 2,3 millóns de euros.
Censurou que “fagan novas promesas cando aínda temos incumpridas as dos exercicios anteriores”, como as Guías de Paisaxe Urbana, Intervención en Espazos Públicos e de Boas Prácticas para Actividades Extractivas, cando só a primeira foi publicada, ou manteñen paralizado o Consello Asesor da Paisaxe.
Vivenda
A parlamentaria socialista criticou que os orzamentos do goberno galego con respecto á vivenda son “a todas luces inservibles” pola “desidia” amosada para a construción de vivendas de protección pública como nas axudas ao aluguer. Acusou ao presidente da Xunta de “abandonar á súa sorte aos xóvenes que se queren emancipar, ás familias que viven en condicións precarias e a todos os que non dormen pensando en perder o fogar”.
Lembrou que o ano pasado só foron capaces de cualificar 8 novas vivendas de protección pública, e para 2020 só prevén 26 vivendas, “o que non supón nin sequera o 0,2 por cento das 14.200 que se requiren”. Reclamoulle ao goberno galego que “ou aporten 60 millóns para a construción, rehabilitación ou adquisición das 600 vivendas ao ano que se comprometeu ou aporte 30 millóns para atender ao total de axudas ao alugueiro que se demandan”.
Criticou o desleixo na xestión das axudas ao alugueiro por parte do goberno galego, que deixa fora ao 91,5 e ao 82 por cento dos demandantes nas dúas liñas de apoio das que constan. Advertiu que hoxe hai 205.000 persoas en Galicia residindo nunha vivenda insegura, e outros 149.000 nunha vivenda inadecuada, mentres a Xunta “pensa facer fronte aos problemas de infravivenda de 47.400 fogares con só 200.000 euros, o que supón 4 euros por fogar”.