A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Teresa Porritt, denunciou hoxe o “uso fraudulento” por parte da Xunta da Lei de Acompañamento aos Orzamentos para modificar dunha soa vez un total de 30 leis previas. Os socialistas pediron a devolución desta Lei coa que o goberno galego pretende “limitar o debate” do Parlamento modificando decenas de textos sen o debate que merecen.
Criticou a “fraude parlamentaria” dun mecanismo utilizado “para emendar todo tipo de leis, aínda que non teñan relación con cuestións tributarias”, e “contra do principio de transparencia, sen publicidade e sen exposición pública”. Entre as leis modificadas, dixo, inclúen as aprobadas en 2019 de Rehabilitación e Rexeneración Urbanas, de Administración Dixital e de Patrimonio Natural, esta última para que os danos ambientais prescriban en 15 anos, cando antes non prescribían.
Porritt advertiu que este furor modificador “contrasta coa súa incapacidade lexislativa, xa que no que vai de Lexislatura apenas aprobaron 15 leis -18 incluíndo as leis de Acompañamento-, mentres no mesmo período modificaron ata 59 leis previas, 33 delas impulsadas polo propio Feijóo dende 2009.
Ademais, dixo, esta norma provoca unha “fraude social” por canto presenta “medidas electoralistas que tratan de agochar as verdadeiras rebaixas fiscais para os contribuíntes con maior capacidade económica”. Advertiu que estas medidas fiscais “poden ser legais, pero dende logo non son xustas, progresivas nin eficientes, e mais diría que non é ético”, e “renuncia a avanzar na implantación dun sistema tributario que recade de maneira máis eficiente e progresiva”.
A parlamentaria socialista engadiu que a decisión do goberno galego de elevar o mínimo exento do imposto sobre Sucesións de 400.000 a 1 millón de euros “é inxusta e vergoñenta, ademais de que a mensaxe que se traslada á sociedade é fraudulenta e non responde á realidade do país”. Sinalou que mentres o obxectivo confeso da Xunta é manter íntegro o patrimonio familiar e a capacidade económica da familia, en realidade “favorece estratexias fiscais para non pagar impostos”.
No caso do imposto sobre Transmisións Patrimoniais, dixo, reducen o imposto na compra de vivendas en 3.500 parroquias consideradas como “pouco poboadas ou áreas rurais” para supostamente “recuperar poboación e dinamizar as zonas menos habitadas”. O que non explican, dixo, é que inclúen parroquias turísticas como San Vicente do Grove, o litoral da Mariña ou a Ría de Muros e Noia, ou zonas de Baiona ou Oleiros, con “elevada presión de segundas residencias”.
Sinalou que “máis que de dinamización temos que falar novamente de especulación inmobiliaria, de explotación do rural e de premiar aos que teñen máis capacidade económica”, xa que “con esta medida aqueles cidadáns que dispoñan de medios económicos poderán beneficiarse destas novas rebaixas de impostos tamén para residencias de verán”.
Suba de taxas
Porritt explicou que a Xunta “aposta por reducir e practicamente eliminar a imposición directa daqueles impostos que gravan a riqueza, e que permitirían aplicar a progresividade que debera presidir o noso sistema impositivo”. Mentres isto sucede, engade, á vez “inclúe a suba das taxas de contía fixa e de taxas para actividades pesqueiras, mineiras ou de transporte, que non son progresivos e que paga toda a cidadanía por igual”.
Criticou que os obxectivos do goberno galego son “favorecer aos que máis teñen a cambio de recortes nos servizos públicos, renunciando a unha política fiscal progresiva, na que as rendas máis altas contribúan máis na procura dunha redistribución da riqueza mellor e máis equitativa e xusta”.
En canto ás medidas administrativas que modifica esta Lei, dixo, inclúen “parches” para un emprego público ao que dedican “solucións parciais a problemas estruturais” para un persoal que “a pesares dos anuncios propagandísticos de última hora, segue sufrindo a precariedade laboral” provocada por dez anos de recortes da Xunta de Galicia.
Tamén inclúen a modificación do transporte público de persoas prorrogando as concesións das liñas de autobús escolar “ante a súa incapacidade de aprobar a nova ordenación definitiva do sector”. Tamén modifican as Leis de Caza, Sector lácteo, Montes e aproveitamento forestal, Mobilidade de terras, Portos, Política Social, Dependencia, Economía e emprego, Cultura e turismo, Educación, Sanidade, Protección Civil, Deporte ou Salas de xogo e apostas.