O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu que os Orzamentos da Consellería de Educación para o próximo ano confirman que os docentes continuarán sen recuperar os seus horarios lectivos, mentres as aportacións ao Sistema Universitario continúan “estancadas”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Educación para presentar as contas do seu departamento para o próximo ano.
O responsable socialista criticou que a conselleira “presumira” de consolidar destino definitivo para “non sei cantos milleiros de docentes” cando en realidade responde ás vacantes por xubilacións, que “non ten que ver nin de lonxe co incremento de docentes”. Máis alá, os docentes galegos continuarán un ano máis coas mesmas condicións laborais precarias e, dixo, “nin de lonxe contemplan medida algunha para mellorar a situación dos centros sen suficientes docentes”.
Sinalou ademais á escasa execución orzamentaria no programa de prevención do abandono escolar, que revela unha “planificación sistematicamente errónea”, pasando de gastar o 83 por cento en 2016 ao 65,2 en 2017 e o 63,7 en 2018. Advertiu que a “execución minguante” deste programa indica que o programa está “sobreorzamentado” nas contas do Departamento.
Finalmente, advertiu que Galicia é unha das comunidades autónomas coa menor porcentaxe de implantación do plurilingüismo nas aulas, onde “suponse que os docentes imparten algunha materia en lingua estranxeira pero sen continuidade”. Criticou que os centros obteñan a etiqueta “tan só impartindo unha materia dunha hora á semana”.
Universidade
Luis Álvarez criticou ademais o “practico estancamento” nos orzamentos do goberno galego para o Sistema Universitario de Galicia, e advertiu que “non dan resposta ás necesidades das universidades”. Reclamou atención ás chamadas de atención dos reitores galegos, que denuncian “inestabilidade económica” cando “deberan estar negociando un novo Plan de Financiamento Universitario, e non meter unha prórroga de rondón na Lei de Orzamentos”.
O responsable socialista denunciou o estancamento do investimento para I+D+i en Galicia, que perde 3 millóns de euros que son absorbidos polo Edificio Fontán da Cidade da Cultura, que suporá un gasto total por enriba dos 15 millóns de euros “para un edificio que ninguén pediu”.