O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou hoxe o “continuísmo” dos orzamentos de Medio Rural para 2020, que “inciden de novo en medidas fracasadas”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro para presentar as contas do Departamento para o próximo ano, os últimos antes das eleccións que “constatan o fracaso da Lexislatura do Rural”.
O responsable socialista sinalou unha “xestión pésima do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020”, que debera ser “o principal instrumento de investimento no medio rural galego a través do fondo europeo do Feader”. Sen embargo, cando tan só falta un ano dos 7 do período de execución, a maioría dos fondos están sen executar –o nivel de execución a decembro de 2018 era do 38 por cento- co risco de ter que devolvelos a Bruxelas.
Explicou que “iso obrigará a reprogramar o PDR para dar un total cumprimento aos fondos e que non lles pase como no anterior período, no que tiveron que devolver máis de 70 millóns de euros que estarían mellor nas rendas de agricultores e gandeiros e non de volta en Bruxelas pola súa incapacidade de xestión”. Polo momento, dixo, os retrasos na execución obriga aos solicitantes “a seguir financiándolles os intereses aos bancos pola súa incapacidade de transferir os fondos”.
Pérez Seco criticou a “evidente falla de planificación” por parte da Consellería, que “planifica a golpe de ocorrencia, debullan cifras, prometen e prometen, din que incrementan partidas que despois modifican amplamente e as propostas iniciais nada teñen que ver coas finais”. Esixiu “máis ambición nos proxectos e máis rigor coas contas”, e sinalou á baixada dun 31,89 por cento no programa de asociacionismo agrario, e do 6,34 pro cento para fixación de poboación non rural.
Lexislatura do Rural
O parlamentario socialista sinalou que no cuarto orzamento da Lexislatura “xa non chegan a tempo para cumprir coa Lexislatura do Rural” e demostran que “algo non está a funcionar” cando “repiten as prioridades que non se acadan”, amosando un “goberno esgotado, que chega ao seu fin sen proxecto e sen ideas”. Así o demostra, sinalou, que perderan 267 explotacións de leite nun só ano, coas concentracións parcelarias paralizadas e un rural máis abandonado.
Pérez Seco subliñou que “os obxectivos non se acadan traendo tan só declaracións de intencións” que están “moi lonxe de ser acadadas”, e puntualizou que “os fitos acádanse con políticas encamiñadas a solucionar problemas, con políticas baseadas en escoitar a todos os actores implicados, e nunca vendendo fume, nin prometendo hoxe unha cousa e mañá outra”.