A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe os “últimos Orzamentos dun proxecto esgotado”. Así o dixo no debate final en Pleno das contas da Xunta para 2020, aprobadas co voto en contra dos socialistas galegos logo de que non incorporaran unha soa das 624 emendas ao Estado de Gastos para modificar un proxecto que “aposta pola continuidade do fracaso, a inacción e a falla de iniciativa”.
Rodriguez Rumbo criticou uns “orzamentos continuístas que renuncian á modernización da economía e o emprego industrial e fracasan” no reforzo das políticas sociais ata o punto de que debullan a un Feijóo “destrutor do Estado do Benestar”. O presidente da Xunta representa agora un “lastre para o noso país” defendendo un “goberno esgotado que logo de 10 anos de axustes e recortes intenta maquillar os efectos das súas políticas con elementos de claro tinte electoralista”.
A responsable socialista advertiu que estas contas perseveran na liña que durante 10 anos de xestión de Feijóo á fronte da Xunta levou a Galicia a perder poboación, situou á poboación na senda do avellentamento, con menos xente traballando e máis desigualdade. Tampouco resolven as enormes dificultades do sector agrogandeiro e fracasan ao activar o reemplazo xeracional, e adoecen do desleixo do Executivo fronte á crise do sector industrial.
Na que ía ser a Lexislatura do Rural, dixo, manteñen este medio “máis abandonado que nunca, provocan un “retroceso no Estado do Benestar e nos servizos públicos e introducen á Sanidade pública na UCI”. Advertiu que “Galicia necesita dun proxecto revitalizador e de futuro fronte á inacción e ao esgotamento dun goberno incapaz de encarar os retos de futuro do noso país” que lle dea resposta aos mozos e mozas que “carecen de oportunidades de futuro no seu país”.
Begoña Rodríguez Rumbo defendeu as 624 emendas presentadas polo Grupo Socialista Estado de Gastos e a emenda transversal que reclamaba mobilizar 427 millóns de euros dos Orzamentos previstos para o próximo ano para perfilar un proxecto “máis social, máis centrado no emprego e no contido medioambiental”.
Sinalou que “outros orzamentos son posibles” para “construír unha Galicia máis igualitaria e reverter a sangría demográfica” logo de que Feijóo levara a Galicia a rexistrar o peor saldo vexetativo do Estado no ano 2018, perdendo 15.839 habitantes. Defendeu así destinar 17 millóns a programas de dinamización demográfica e outros 90 millóns para impulso do emprego, logo de acusar á Xunta de deixar sen executar 376 millóns para promoción do emprego nesta Lexislatura.
A parlamentaria socialista reclamou tamén “políticas reais e efectivas en vivenda” e poñer en marcha políticas para a mocidade, así como recuperar a calidade dos servizos públicos e incrementar os recursos destinados á loita contra a violencia machista fronte ao “desinterese” demostrado pola Xunta. Rodríguez Rumbo Acusou ao goberno galego de impoñer unha “sanidade low cost” e “cronificar a debilidade económica” e a precariedade no ensino galego.
Rodríguez Rumbo acusou á Xunha de reducir recursos para a transición enerxética en pleno proceso de descarbonización, demostrando que “renuncian a modernización económica e emprego industrial”. Criticou que teñan optado por “atacar ao goberno central en lugar de negociar con Naturgy o cumprimento do compromiso de investir 100 millóns en Meirama, como mellor exemplo do desleixo en materia industrial que levou a perder 4.400 ocupados na industria dende 09.
A parlamentaria socialista lamentou ademais a “clamorosa dimisión da Xunta en materia de infraestruturas”, cunha conselleira centrada en “atacar ao goberno central co único obxectivo de agochar que o seu departamento é o que menos medra nos Orzamentos de 2020”.
Reclamou “impulsar o crecemento económico e apoiar aos nosos sectores produtivos”, e acusou ao presidente da Xunta de “converter a Lexislatura do Rural en realidade na Lexislatura do Abandono do Rural” abandonando aos do mar e a pesca e retirando servizos aos concellos do interior.
Paridoiro de Verín
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Teresa Porritt, defendeu pola súa banda as 75 emendas ao articulado dos Orzamentos presentadas polo Grupo Socialista, das que foron aceptadas dúas e transaccionada outra delas, pero rexeitadas as 72 restantes. Porrit sinalou a situación provocada co peche do Paridoiro do Hospital de Verín, un “recorte máis na programada e planificada desfeita da atención sanitaria pública galega” que o PP se negou a rectificar.
Lembrou a emenda deste Grupo Parlamentario pedindo un catálogo de servizos mínimos nos hospitais comarcais para remendar unha “decisión política” que “fai máis evidente aínda o suspenso da Xunta en materia sanitaria logo de dez anos de recortes continuos, precariedade e privatización”. Porritt citou o informe do Consello de Contas que alerta de partidas “deliberadamente mal orzamentadas” en sanidade para “forzar alteracións a medio exercicio”.
Porritt denunciou que o goberno galego converte o debate de Orzamentos en “mera publicidade” ao “pintar” iniciativas que despois quedan no caixón, ata o punto de que no que vai de Lexislatura deixaron sen executar máis de 368 millóns de euros. Explicou que as emendas do Grupo Socialista incluían propostas para frear as modificacións orzamentarias e cumprir coa Lei de Transparencia e esixindo un informe motivando da súa necesidade que debera ser remitido ao Parlamento.
Sinalou que as contas do goberno galego inciden nun “modelo tributario regresivo que renuncia a recursos propios”, que demostra unha “escasa potencia recadatoria” ademais dunha “política fiscal regresiva que incrementa as desigualdades”. Explicou que os orzamentos incorporan unha emenda transaccionada cos socialistas para habilitar o incremento das contas coa décima adicional de endebedamento permitida no acordo sobre estabilidade orzamentaria aprobada polo CPFF.