O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Abel Losada, criticou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2019 representan unha “ideoloxía vergonzante” e amosan a “xestión nefasta” do goberno galego. Así o dixo no debate da emenda transversal aos Orzamentos na que os socialistas propoñen mobilizar 402 millóns de euros para promover emprego de calidade, un reparto equitativo da riqueza pola vía dos salarios, un sistema tributario máis xusto e eficaz e o reforzamento do Estado do Benestar, rexeitada polo PP.
O responsable socialista defendeu en primeiro lugar “atacar á precariedade laboral” fronte a un goberno galego que “está lonxe de poder dicir que teña combatido o desemprego con tódolos mecanismos ao seu alcance”, con datos como a caída da ocupación industrial nun 5 por cento no último ano. Considera “imprescindible” rematar co emprego de baixa calidade, e a elevada taxa de precariedade, que resulta “ineficiente economicamente e inxusto socialmente”.
Reclamou unha estratexia dende o goberno para conseguir un “reparto equitativo da riqueza pola vía dos salarios”, na liña da suba do Salario Mínimo Interprofesional nun 22 por cento para “mellorar o reparto da tarta”. Explicou que “sabemos que o PIB medra, pero quero saber quen leva este crecemento” e aplicar “medidas para corrixir as disfuncións na distribución deste crecemento”.
Tamén propuxo un sistema tributario que “recade máis dunha maneira máis xusta”, e lembrou que en España o esforzo fiscal supón un 38 por cento do PIB, fronte ao 46 por cento da zona euro, unha diferenza de 8 puntos que só en Galicia supón 4.000 millóns de euros. Advertiu que o sistema fiscal está focalizado nos salarios, pero o conxunto da economía “paga menos impostos”, polo que propuxo incrementar impostos ao capital, ás empresas e á acumulación de riqueza.
Estes tres puntos, dixo, deben ser os mecanismos para “reforzar o Estado do Benestar”, potenciando o Sistema Nacional de Saúde e o Pacto de Estado pola Educación, que é “o único ascensor social” que pode garantir o “dereito universal a unha vida digna”. Reivindicou tamén “a suba das pensións dignas cofinanciadas pola vía dos impostos, así como incrementar a cobertura por desemprego.
Modificacións
Para isto propuxo mobilizar 402 millóns de euros sen necesidade de vulnerar o déficit marcado pola UE acadando por unha parte un incremento dos ingresos a través da fiscalidade ás rendas de máis de 47.600 euros, que supón o 5 por cento dos declarantes. Propuxo tamén manter o imposto do Patrimonio, ou aplicando novos gravames para as grandes superficies comerciais e ás empresas contaminantes, e o incremento dos ingresos do Sergas e o IGVS.
Finalmente, reivindicou unha redución de 100 millóns de euros correspondentes aos gastos improdutivos do goberno galego, sinaladamente o persoal de gabinete, que hoxe supera en gasto ao persoal directivo do goberno galego, e as partidas destinadas a publicidade e propaganda.