O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, acusou hoxe ao presidente da Xunta de manter “gripado” o “motor que garante a calidade dos servizos públicos” de Galicia ao negarse a retirar os recortes aplicados en 2012. Díaz Villoslada advertiu que logo de seis anos, e con 3 exercicios con crecemento macroeconómico, cumpre xa a derrogación completa da Lei de Medidas Temporais 1/2012.
Esta será unha das emendas que presentarán os socialistas ás contas da Xunta para 2019 en materia de función pública logo de constatar, explicou Díaz Villoslada, que o proxecto de Orzamentos para o próximo ano segue sen plasmar a recuperación de condicións laborais acordada a nivele estatal polo goberno de Pedro Sánchez. O goberno galego, dixo, demóstrase “incapaz” de xestionar as condicións laborais dos empregados públicos.
A Xunta quere pechar o seu proxecto de Orzamentos sen levar adiante as melloras laborais nin pechar as Ofertas Públicas de Emprego que compromete no propio Parlamento de Galicia. Resumiu que a convocatoria de 2015 está “a piques de rematar”, as de 2016 e 2017 aínda se descoñece como serán aplicadas, e a correspondente a 2018 descoñécese a día de hoxe.
“Vaia herdanza vai deixar Feijóo en 2020”, resumiu o responsable socialista antes de reivindicar que levanten as restricións á cobertura de vacantes e baixas nos servizos públicos prioritarios, tanto na Sanidade como no Ensino e, explicou, nos “grandes esquecidos” destes procesos, que son os 15.000 traballadores da administración xeral.
Estes seguen sen ver a recuperación das condicións de traballo que teñen que repercutir na calidade do servizo público, como son cuestións de conciliación, melloras na estabilidade laboral ou máxima transparencia na información orzamentaria sobre os cadros de persoal. Díaz Villoslada reclamou mellorar as condicións de promoción interna ou que continúe sendo Función Pública quen resolva os concursos, e non sexa repartido por consellerías.
Os socialistas reclamarán que no primeiro semestre de 2019 sexa regulada a segunda actividade dos axentes forestais e medioambientais, así como articular as escalas dos profesionais de seguridade e saúde laboral e dos orientadores laborais. Propón sistemas para a mellora do emprego, habilitando ao persoal de carreira que ocupe vacantes de categoría superior.
Díaz Villoslada reclamoulle á Xunta que levante a suspensión dos preceptos do V Convenio Colectivo do persoal laboral da administración autonómica, que está a disparar os datos de sinistralidade laboral. Ademais, propón aplicar de inmediato o acordo para aumentar os permisos de paternidade a 16 semanas.
Orzamentos pouco ambiciosos
O parlamentario socialista criticou hoxe os Orzamentos da Xunta por “pouco ambiciosos” ao renunciar a esgotar a capacidade de financiamento do goberno galego, ademais de que resultan “pouco sociais e claramente restritivos” coa capacidade de crecemento económico e de creación de emprego.
Criticou ademais o abuso da Lei de Acompañamento, coa que este ano queren modificar 25 leis nun só debate parlamentario, nunha práctica que vai “contra os principios de transparencia e bo goberno e contra a seguridade normativa acorde co ordenamento xurídico de Galicia”. Con esta decisión, Feijóo terá alterado con este mecanismo un total de 75 leis mentres remata o exercicio sen presentar unha soa Lei no Parlamento.