O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2019 presentan un “crecemento económico socialmente descompensado”. Así o dixo no debate final das contas do goberno para o próximo ano, que saíron adiante co voto en contra dos socialistas galegos pola súa renuncia a reforzar os servizos públicos e o fracaso no impulso á política económica, e co rexeitamento ás emendas da oposición.
O portavoz socialista advertiu que o orzamento “non traslada a recuperación da actividade económica ao reforzo dos servizos básicos para coidar á xente que máis o precisa nin prepara o futuro en termos de investimentos. O Executivo, dixo, persiste nas políticas de impulso demográfico de probada ineficacia e que levan causando unha caída continuada de poboación, e fracasan ao crear emprego “nin na cantidade nin coa calidade suficiente”.
Resumiu que os Orzamentos renuncian a reforzar os servizos públicos básicos, desatenden a sanidade, así como a creación de emprego para a mocidade, e evitan os cambios necesarios na política de promoción económica. Ademais, incumpren as promesas de residencias de política social, reducen as partidas para infraestruturas, capitalizan a economía en favor de fondos externos e renuncian a unha orde fiscal máis sólida.
Sanidade de baixo custe
Fernández Leiceaga sinalou á redución do gasto sanitario dun goberno galego que “persiste nunha política sanitaria equivocada” que leva dez anos presionando para impoñer unha sanidade pública “de baixo custe” ata convertela nunha “ola a presión que chega a un punto de ebullición”. Os socialistas galegos reclamaron 100 millóns de euros adicionais para contratar a entre 2.000 e 2.200 profesionais sanitarios, nunha emenda que foi rexeitada polo PP.
O portavoz socialista acusou ao goberno galego de ter convertido á Atención Primaria na “cincenta” do sistema sanitario, con 190 millóns de euros menos en termos correntes, e con 1.250 profesionais menos que no ano 2009. Advertiu que esta situación límite na porta de entrada á sanidade pública deriva no “colapso” dos Puntos de Atención Continuada e problemas nas urxencias.
Ademais, responsabilizou ao goberno galego de ter convertido á Área Sanitaria de Vigo nun “burato negro”, logo de destinar ao Hospital o tripla do seu custe orixinal por aplicar o sistema de concesión público – privada. “Debera custar 325 millóns de euros e vai custar 3 veces máis, con 20 millóns anuais de pago á concesionaria que permitirían contratar aos profesionais necesarios” para “darlle a volta” á situación de conflito laboral pola escaseza de recursos.
Fernández Leiceaga considera unha “absoluta necesidade” o cambio das políticas sanitarias do goberno galego, cun conselleiro que “tería que dimitir” por unha xestión da que responsabilizou tamén ao presidente da Xunta. Reclamou un plan de persoal “ambicioso” dirixido a reducir a precariedade e incrementar a oferta de prazas, priorizando o reforzamento da Atencioón Primaria e sempre contando coa revitalización do diálogo social cos sindicatos e organizacións profesionais.
Emprego
Fernández Leiceaga centrou tamén a súa intervención na situación do mercado laboral en Galicia, cun “problema cuantitativo, de precariedade e salarios baixos, e reclamoulle ao goberno galego que respalde as políticas de impulso do emprego xuvenil postas en marcha polo goberno de Pedro Sánchez. Sinalou que o goberno galego ten reducido en 8 millóns de euros os fondos para o emprego mentres as aportacións do Estado son as que aumentan en 25 millóns de euros.
Advertiu que “non podemos pedirlle á mocidade que teña fillos e resolva o noso problema demográfico” cando están condenados a aceptar contratos precarios. Neste sentido, reivindicou diálogo social, incluír cláusulas sociais para reducir a precariedade nas empresas que contraten coa Xunta, e unha OPE “moito máis ambiciosa” dirixida a reducir a precariedade interna “consolidando os postos eventuais e pasándoos a fixos”.
O portavoz socialista acusou ao presidente da Xunta de gobernar “para os máis ricos” ao reducir o imposto de Patrimonio para beneficiar con 1.600 euros a cada un dos 8.000 contribuíntes que en Galicia teñen máis de 700.000 euros de patrimonio. Reclamou o incremento da progresividade no IRPF e mantendo os tipos do imposto de Patrimonio que a Xunta quere reducir de forma unilateral.
Criticou finalmente o escaso esforzo en Igualdade do goberno galego, nunhas partida que medran grazas ao “esforzo orzamentario notable” do goberno central, que destina 7 dos 8 millóns de euros adicionais que medran estas partidas. Reclamou así “reforzar a prevención e atención ás vítimas” e instou á Xunta a poñerse ao nivel do goberno central.