O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na reunión semanal do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, onde confirmou a “reafirmación e respaldo” da Executiva á liña de “oposición firme e contundente e con sentido de país”. Explicou o obxectivo de facer do PSdeG como representante da “maioría social de progreso disposta a relevar ás políticas conservadoras do PP”.
O líder dos socialistas galegos salientou o “bo traballo” realizado polo Grupo Parlamentario á hora de “fortalecer ao PSdeG como alternativa ao PP” dende “a esquerda do país”. Presentou a nova etapa do partido, representada pola nova dirección política en sintonía cos socialistas galegos na Cámara autonómica logo de ratificar ao portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén presidente do partido.
Sinalou que os socialistas galegos representan hoxe “a capacidade de goberno e a única alternativa ao PP” dende un proxecto político “galego e galeguista” marcado pola nova dirección do partido.
Liña de cooperación
Caballero explicou que este encontro responde a unha “liña de cooperación que se repetirá cando as circunstancias así o marquen” e trasladou así o “impulso e ganas” da dirección política para artellar unha liña de oposición “forte, contundente e produtiva”. Confirmou o respaldo político do PSdeG á actuación do Grupo Parlamentario logo dunha etapa sen dirección política no partido ata as pasadas eleccións primarias e Congreso Nacional Galego.
O secretario xeral do PSdeG estivo acompañado hoxe polo portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, o secretario de Organización, José Antonio Quiroga, que se incorporará á dirección do Grupo Parlamentario, e a secretaria de Política Institucional do PSdeG-PSOE, a ex presidenta do Parlamento de Galicia Dolores Villarino.