A portavoz de Universidade e Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias diante do anuncio “sorpresivo” do presidente da Xunta de levantar un novo edificio na Cidade da Cultura que estaría destinado a organismos universitarios.
A responsable socialista censurou a “opacidade” neste proxecto, que “parece ser que suporá levantar o que ía ser o teatro e que custará 17 millóns de euros, unha parte deles sufragados polas universidades galegas, pero sen dar máis datos”. Alertou do elevado custe deste proxecto para o Sistema Universitario de Galicia cando o PP defendeu a creación do Consorcio “para aforrar cartos entre as universidades”.
Sinala que “isto é un proxecto totalmente opaco que necesita de moitas explicacións”, e advertiu que “parece imposible que o proxecto do teatro sirva para as novas funcións que lle quere dar ao edificio, polo que habería que facer un novo proxecto adecuado e cambiar todo o existente”.
Apuntou que “tampouco se ve a necesidade dun edificio novo para o Consorcio que, polas súas funcións, terá pouco persoal propio e en todo caso sería máis barato facelo nun campus”. Advertiu que “todos sabemos por experiencia os gastos extra que teñen os edificios do Gaias pola súa estrutura, pola pedra que os recubre e moitas máis características propias que fan a construción moi cara”.