Julio Torrado denunciou que o Tacgal detectou irregularidades en procedementos do Servizo Galego de Saúde referidos a dotacións de camas, mantemento de equipos médicos, servizos de limpeza de hospitais ou adquisición de material sanitario
O portavoz da Executiva do PSdeG criticou que as reclamacións por pregos incorrectos, opacidade na licitación, criterios de adxudicación e exclusións de empresas están a crear problemas tanto ás propias compañías como ao sistema sanitario
Advertiu que “a ineficiencia e o descontrol” da Xunta quedan tamén de manifesto no informe do Consello de Contas sobre a execución dos fondos europeos, que non chega ao 50 %, un problema especialmente relevante no Sergas
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, denunciou hoxe que a contratación “chapuceira” do Sergas provocou nun só ano a paralización de licitacións por valor de 45 millóns de euros, segundo indican as resolucións do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal). Trátase, asegurou Torrado, dunha situación “gravísima”, xa que o Servizo Galego de Saúde acumula cerca dun 18 % das resolucións en contra que ditou o Tacgal entre maio de 2023 e maio de 2024, últimos 12 meses para os que ofrece datos na súa plataforma de transparencia o Tribunal, dependente da Xunta, aínda que de carácter totalmente independente.
“Son 45 millóns de euros paralizados polas irregularidades, chanchulladas e opacidade” que denunciaron as empresas, sinalou o voceiro socialista, e que manteñen ás compañías, por longos períodos de tempo, “sen saber se ao final poderán optar á licitación dun contrato” ou como se resolverá a súa exclusión dun proceso, entre outras circunstancias. Moitas das reclamacións refírense a “pregos incorrectos, opacidade no proceder da contratación, reclamacións sobre os criterios de adxudicación…”, enumerou.
Pero o problema tamén afecta ao día a día do sistema de saúde, xa que “estamos falando de procedementos que contratan limpezas de hospitais, dotacións de camas, mantemento de equipos médicos ou a adquisición de material para tratamentos”, apuntou Torrado.
No último período anual para o que hai datos publicados, aínda que “non son fáciles de atopar porque o Goberno de Rueda fai máis esforzos en agochar a información que en executar ben os fondos”, o Tacgal resolveu máis de dous centenares de recursos en materia de contratación. Entre eles, estimou na súa totalidade ou parcialmente 63. Neste último caso, 11 correspóndenlle ao Sergas, o único organismo licitador en Galicia que acada un volume tan elevado de reclamacións ante o Tribunal. Trátase dunha información “que é pública, aínda que non especialmente transparente”, insistiu Julio Torrado.
O portavoz da Executiva sinalou que esta información suma un novo capítulo na “ineficiencia e o descontrol da Xunta en canto a contratación”, e “especialmente no Sergas”. Lembrou, nese senso, que se une á noticia de que o Goberno de Rueda “deixou de executar xa no ano 2022, segundo o Consello de Contas, máis do 50 % dos fondos europeos que recibiu”, o que supón que quedaron sen empregar máis da metade dos 1.183 millóns que lle achegaron. “Este é o mesmo PP que tentou bloquear a chegada deses fondos europeos que o Goberno de España conseguiu nun exercicio de diplomacia e de negociación”, e agora provoca que “a cidadanía, as empresas e as entidades que os deben utilizar non poidan”. No que se refire ao Sergas, ese problema, advertiu Torrado, “é tristemente peor” e pérdense fondos “que se deberían destinar a mellorar o sistema sanitario”.
“Esta Xunta de Galicia está noutra cousa, porque en resolver, xestionar e tratar de utilizar os fondos dos galegos e das galegas para que a economía vaia mellor e o sistema sanitario vaia mellor… niso non está”, afirmou.