O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Consellería de Sanidade o reforzo dos traballadores e infraestruturas da sanidade en toda a comarca de O Salnés. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión ao novo xerente do Sergas, a quen criticou que siga sen ofrecer solucións a un déficit de persoal “imposible de negar”.
O responsable socialista sinalou a desatención sistemática na comarca cando en Vilagarcía “é difícil lembrar cando foi a última vez que estiveron tódolos médicos do Centro de Saúde á vez, en O Grove estiveron varios días do verán con só unha consulta atendida, das 6 que teñen.
Continuou que os pais e nais teñen de Meis teñen que desprazarse a máis de 20 quilómetros, a Baltar, para ir ao pediatra, Vilaxoán acumula meses desatendido por vacacións e baixas e os profesionais “maltratados” de Cambados non poden atender todo o horario completo.
Torrado criticou que “xa non son capaces de negar o problema, pero son incapaces de solucionalo”, e apuntou á “celeridade que teñen cando recortan servizos pola perda de habitantes”, que contrasta coa “lentitude á hora de recuperalos”. Apuntou que “se utilizan a perda de poboación como elemento para axustar servizos, cando a poboación envellece debéramos reforzar servizos, ou do contrario seríamos falaces”.
Centros de Saúde
O parlamentario socialista reclamoulle ao Sergas que “comece a cumprir co compromiso de asumir a construción dun Centro de Saúde onde sexa necesario e o goberno local poña a disposición un terreo adecuado e libre de cargas”. Lembrou que ese compromiso foi ata o momento “incumprido sistematicamente” polo goberno galego, que rexeitou os 6 terreos ofrecidos por Caldas, e en O Grove, o Concello fixo todo o posible para ter o terreo “a Xunta non moveu un papel”.
No caso de Meis, sinalou, “non contestan”, e en Vilagarcía “néganse a escoitar as posibilidades sobre un solar óptimo, mentres seguen querendo centrarse só no Centro de Saúde existente, con 50 anos de antigüidade, encaixonado e con dificultades de accesibilidade”.