O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe ao Sergas “unha certa dose de autocrítica” para admitir a necesidade do cambio dos baremos no concurso de adxudicación de oficinas de farmacia. Torrado presentou unha pregunta en Comisión logo de que o Sergas se vira obrigado a suspender a entrega de licenzas polo elevado número de recursos presentados contra o concurso, paralizando o remate do procedemento.
Torrado criticou a “opacidade” de Sanidade, que “non deu explicacións” ao decidir suspender o procedemento, que vén de resolverse a semana pasada, co que a nova convocatoria da entrega de licenzas podería demorarse meses. Reclamoulle así que “asuman que existe un problema co procedemento”, e demandou “unha explicación diante dunha necesaria modificación sobre aspectos concretos dos baremos”.
O responsable socialista sinalou a falla de explicacións do goberno galego, que “acaba dando máis explicacións nos xulgados onde non poden vetar as comparecencias que si que impiden no Parlamento”