Julio Torrado defende que a orde dos obxectivos no que respecta a autoestrada é a gratuidade, a volta ao público e a transferencia a Galicia
O portavoz da Executiva sinalou que os galegos e as galegas pagan peaxes “por culpa do Partido Popular, que prorrogou a concesión sen ter por que”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, valorou hoxe que, pese aos que “critican pero non fan nunca nada”, a autoestrada do Atlántico conta na actualidade con bonificacións de ata o 75 % do prezo para usuarios e usuarias recorrentes e avanza cara a gratuidade. “Galegos e galegas pagamos a AP-9 por culpa do Partido Popular, que prorrogou a concesión sen ter por que”, recordou Torrado, como tamén lembrou que a infraestrutura xa estaría libre de peaxes se non fose por esa decisión de Aznar.
Nese senso, apuntou que se hoxe se paga menos por circular pola autoestrada, é “grazas aos socialistas, co impulso dos socialistas galegos”, que defenden a gratuidade como primeiro obxectivo dentro dos “tres debates” que existen arredor da principal vía de comunicación da comunidade autónoma. Os outros dous son o rescate para o público e a transferencia.
“Estamos chegando á gratuidade sos, porque ninguén votou nunca a favor diso salvo o Partido Socialista”, afirmou. En canto ao rescate, explicou que se trata dunha medida que o Goberno do Estado está a analizar “con prudencia e sensatez”, xa que ten un custe moi elevado e, ademais, Europa está a revisar a legalidade da ampliación da concesión que fixo no seu día o Goberno do PP. “Pero os socialistas galegos traballamos para iso”, afirmou.