Santiago, 4 de abril de 2020. A secretaria de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, urxiu hoxe un plan para aumentar o persoal dos servizos sociais e para mellorar os seus medios de protección.
Así o dixo a dirixente socialista á vista da crise das residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional debido á existencia de casos de contaxios masivos.
“É a nosa maior preocupación”, sinalou Marina Ortega, toda vez que o número de persoas contaxiadas polo coronavirus nestes centros supera as 600 entre usuarios e traballadores.
Neste contexto, a socialista incidiu en que a Xunta “non pode tentar maquillar os datos” a través dun novo sistema de contabilidade.
“O goberno galego ten que dar información fiable, porque cada falecemento é da máxima gravidade, e é necesario ter os datos correctos para poder avaliar a situación”, apuntou.