Lage Tuñas erixe dende Teo aos socialistas como “única opción sólida e rigorosa” fronte á “volta ao pasado e aos líos do PP” e á “sopa de letras” das outras opcións
A candidata á alcaldía teense, Uxía Lemus, presenta a súa proposta para converter a antigua nave de cepillos, propiedade da Sareb, nun gran centro sociocultural
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, lamentou hoxe que “o mellor que lle teña que ofrecer o presidente da Xunta e do PP aos galegos e galegas nas eleccións municipais sexa falar de ETA”. Nunha visita a Teo coa candidata socialista, Uxía Lemus, dixo que Rueda “demostra o seu desnorte e desenfoque, e que teñen moi pouco que falar dos problemas de todos e de todas”.
Lage Tuñas criticou que “o máis relevante que teña que aportar Alfonso Rueda sexa falar de ETA”, o que demostra que “non está nos problemas dos cidadáns, que están centrados na economía, nos servizos sociais, os coidados, as axudas ás familias ou en facer espazos de convivencia onde poidamos desenvolver a nosa vida”.
Sinalou por exemplo que o presidente da Xunta se manteña “ausente do debate” sobre a prestación de vivenda pública mentres os conselleiros e conselleiras “actúan como tertulianos”. Lembra que a Xunta é a administración con competencias en materia de vivenda, pero que en 10 anos “non construíron ningunha vivenda para alugueiro social”.
Este desleixo obriga ao goberno de España a mobilizar os terreos de Defensa para construción de vivendas pensadas para os mozos e mozas e garantir o cumprimento dun dereito consagrado na Constitución.
Dixo que o PSdeG está a presentar “programas de goberno sólidos” en resposta ás demandas dos veciños e das veciñas, demostrando que é “o único partido que está realmente a falar de darlle solución aos problemas dos cidadáns”. Puxo o caso de Teo como exemplo da “alternativa sólida e rigorosa” dos socialistas galegos fronte á “volta ao pasado e aos líos do PP” e a “sopa de letras” das demais opcións.
Teo
O coordinador da campaña electoral do PSdeG defendeu a proposta de Uxía Lemus á alcaldía de Teo para garantir que o Concello “saia da parálise” se una “ao tren ao que xa se subiron Ames, Oroso e Brión” con alcaldes socialistas na contorna de Compostela. Explicou que Lemus ven avalada polo traballo feito como tenente de alcalde no Concello e a parálise na que se sumiu o goberno local dende a súa saída.
Lemus presentou a súa proposta para converter a antiga Nave de Cepillos de Teo, agora en propiedade da Sareb, nun centro sociocultural, un centro da mocidade e para albergar os servizos que precisa o concello. Lembrou que o auditorio da Ramallosa “non chega a nada” nun concello que necesita dun Centro de Día ou de estruturas comarcais como o parque de bombeiros, que “podería colocarse aquí”.
Apostou por reclamarlle á Sareb a cesión das instalacións, que deben ser acondicionadas para funcionar como “perfecta almacenaxe de todo tipo de actividades” e que se converta no “proxecto que relance de novo o Concello de Teo”.
Reivindicou o seu traballo como concelleira de Urbanismo no goberno local, cando conseguiu 5 millóns de euros de fondos europeos, pero dende a súa saída do goberno, este derivou nun “balance moi negativo” con ano e medio “sen ningún tipo de actividade”.