O coordinador dos socialistas galegos no Congreso dos Deputados, Guillermo Meijón, criticou hoxe “a postura obstrucionista” do BNG ao non apoiar o ditame relativo á recepción por parte de España de 140.000 millóns de euros de fondos comunitarios.
“Son os do non”, subliñou Guillermo Meijón, quen reprobou esta actitude “irresponsable” dos nacionalistas galegos logo de que o goberno presidido por Pedro Sánchez acadara esta importante contía para España dun montante total de 750.000 millóns de euros para todos os estados membros.
De feito, o deputado socialista uniu a este “inexplicable” posicionamento do BNG o seu rexeitamento previo aos PGE ou á lei de educación.
Ademais, Meijón recordou o non do BNG á comisión de reconstrución e ás recomendacións do Pacto de Toledo. “Están nunha estratexia errada que pouco aporta ao país, e pedímoslle que rectifiquen”, engadiu.
De feito, o deputado pontevedrés fixo un chamamento a que o BNG coopere coas forzas progresistas lideradas polo PSOE e co goberno de España, e apelou á súa responsabilidade nun momento de tantas dificultades por mor da crise da covid.