A secretaria de Organización e o secretario de Sanidade socialistas denunciaron en Burela as deficiencias no hospital comarcal e na atención primaria
Lara Méndez alertou do déficit de persoal e a falta de recursos, que provocan demoras nos diagnósticos e problemas “incluso para poder salvar vidas”
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, chamou hoxe en Burela, ás portas do Hospital Público da Mariña, a participar na manifestación convocada para este domingo en Viveiro baixo o lema “Pola resurrección da nosa sanidade”. Foi tras a reunión que mantivo con representantes do persoal sanitario, na que tamén participaron o secretario de Sanidade e voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado; a alcaldesa de Burela, Carmela López, e a portavoz socialista no Concello de Viveiro, María Loureiro.
Méndez mostrou a súa preocupación “pola situación sanitaria en todos os niveis”, tanto nos centros de saúde coma en hospitais comarcais “que están padecendo un déficit de persoal, de servizos e de atención”. Iso sófreno os pacientes, “con diagnósticos que chegan tarde, con enfermidades que evolucionan antes de ser atalladas” e, como resultado, con problemas “incluso para poder salvar vidas”, dixo tras escoitar as demandas “dos facultativos, dos técnicos e do comité de empresa” do centro.
A tamén deputada sinalou que, aínda que se trata dun problema “xeralizado”, estase a vivir con especial preocupación no hospital da costa lucense. Por ese motivo, fixo un chamamento “a toda a poboación da mariña” a participar na marcha que este domingo percorrerá as rúas de Viveiro. “O PSdeG estará alí, porque queremos que a Xunta de Galicia escoite as demandas da cidadanía e, sobre todo, lle dea solución aos seus problemas”, asegurou.
Carmela López insistiu tamén na importancia dunha mobilización a través da que se quere reivindicar “non soamente a mellora que se necesita no hospital de Burela, senón tamén na atención primaria da comarca”.
Pola súa banda, Julio Torrado advertiu da situación “preocupante” que se vive no sistema sanitario “desde hai moito tempo”. Denunciou que o “déficit continuado” de profesionais non se debe “nin a un erro puntual nin a unha mala xestión involuntaria”, senón que se trata dunha “decisión voluntaria” do Goberno do Partido Popular. Para o secretario de Sanidade, “o sistema sobrevive e funciona grazas aos profesionais e pese aos seus dirixentes”.
Torrado demandou “mellores condicións para os profesionais, máis recursos e mellores instalacións, e que o sistema sanitario sexa un obxectivo prioritario para a Xunta, porque hoxe non o é”. E esixiuno, en especial, para “unha das comarcas máis maltratadas polo Sergas”, que parece que ten “todo pensado para facelo mal a propósito”.