Gonzalo Caballero subliña que empresas galegas de industrias alimentaria, siderurxia e electrointensiva consideradas esenciais seguirán funcionando
Santiago, 29 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou hoxe o seu apoio á decisión do goberno de España de reforzar o confinamento durante as próximas dúas semanas para loitar contra a propagación do coronavirus.
“A saúde ten que ser o primeiro”, esgrimiu Gonzalo Caballero, quen chamou á Xunta a situarse a carón do goberno de España “con lealdade” para vencer ao virus. “As persoas son a prioridade e o goberno de España só permitirá actividades esenciais nas próximas dúas semanas”, incidiu.
Nesa liña, o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé na importancia de reforzar o sistema público de sanidade para atender ás persoas contaxiadas polo Covid-19, así como de ofrecer solucións que palíen as consecuencias negativas da pandemia.
En todo caso, o líder dos socialistas galegos subliñou que as actividades económicas esenciais mantéñense, consideración que teñen actividades industriais como a agroalimentaria, a siderurxia e a electrointensiva, coa relevancia nalgunhas grandes empresas de Galicia como Alcoa.
O goberno de España coñece ben a situación e cataloga como esenciais aquelas actividades que o son para o funcionamento do país nas próximas dúas semanas, polo que a Xunta debe deixar a súa posta en escena de tensión e traballar lealmente.