A dirección do PSdeG anima á militancia a sumarse ás concentracións convocadas para hoxe en toda Galicia
A dirección do PSdeG vén de remitirlle á militancia un comunicado para facer un chamamento a participar nas concentracións de apoio á futbolista Jennifer Hermoso e para pedir a dimisión do presidente da FEFP, Luis Rubiales.
O PsdeG quere sumarse ao clamor popular en apoio á futbolista diante dos “actos absolutamente intolerables, machistas e improcedentes” por parte do presidente da FEFP, que “embazaron un fito histórico no mundo do deporte” co triunfo da selección feminina española no mundial de fútbol.
Os socialistas galegos amosan a súa repulsa á actitude de Rubiales tanto durante a celebración como na súa conduta posterior. Censuran que “lonxe de rectificar non só presionou á xogadora para que lle quitara importancia ao sucedido e dera unha versión diferente da real”, senón que “tamén intentou facer unha zafia manipulación do que aconteceu, chegando a revitimizala”.
Este comunicado, asinado polo secretario de Organización, José Manuel Lage Tuñas, e polas secretarias de Igualdade e de Deportes da Executiva do PSdeG, Silvia Fraga e Susana Señorís, anima á militancia a sumarse ás concentracións convocadas ás 20,00 de hoxe nas localidades da Coruña, Ames, Betanzos, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo.