O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acude á protesta que é “un grito de auxilio” dos traballadores para liberarse da “intromisión política”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiu que o PP libere aos traballadores e traballadoras da CRTVG do control político que levan anos denunciando, garantindo así o seu dereito a traballar sen intromisión de ningunha ideoloxía e con liberdade para informar.
O líder dos socialistas galegos acudiu ao que entende como “un grito de auxilio” dos traballadores e traballadoras da radio e televisión públicas galegas, ante o que son xa catro anos e medio de protestas a través dos venres negros pola “manipulación” da información aos que os somete a dirección posta polo PP cando gobernaba Núñez Feijóo.
Formoso reivindicou a importancia dunha CRTVG libre e plural no “único medio público esencialmente galego” para que “o pobo galego” conte con toda a información posible cando tome a súa decisión de votar á formación política que quere que goberne as súas institucións. Isto ven ao fío dunha das principais reclamacións dos colectivos de traballadores, que é a falta de contido político a nivel galego nos telexornais.
En referencia aos xornalistas deste medio público, subliñou que “non estudaron” nin se incorporaron á CRTVG para “ser controlados por ningún poder político nin ideoloxía concreta”, xa que entende que se está a vulnerar o deu dereito profesional a ofrecer unha información libre e plural.
Comparou a deriva actual das radio e televisión públicas de Galicia co que fixo o goberno do PP na Comunidade de Madrid cos seus medios, de xeito que alertou de que os galegos “non queremos que a TVG sexa unha televisión que se pareza á TeleMadrid de Aguirre, queremos que impere o servizo público”.
Á manifestación que percorreu as rúas de Santiago de Compostela acudiron diversos representantes do PSdeG, xa que foi unha das medio cento de organizacións que a convocaron.
Entre eles pódense destacar, a maiores de Formoso, as representantes do partido na Plataforma de Rescatar a CRTVG, a parlamentaria Noa Díaz e a secretaria de Comunicación da CENG, Paula García, os deputados do Congreso Guillermo Mejión, Ana Prieto e Javier Cerqueira, e senadores como Leiceaga, Manuel Mirás e María Adrio, así como distintos membros da executiva nacional.