Begoña Rodríguez denuncia que o goberno galego demorou intencionadamente a delimitación competencial cos municipios
5 de marzo de 2023. A vicevoceira do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo reprochou ao goberno galego que non entregue aos grupos parlamentarios o informe elaborado pola USC sobre a delimitación de competencias da administración autonómica e das entidades locais como así requiriron polo artigo 9 do Regulamento do Parlamento, achegado aos grupos da cámara no momento en que discorría a comisión.
Na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, a deputada socialista comezaba a súa intervención para preguntar á directora xeral de Administración Local da Xunta, por un informe que non recibiran os grupos. Foi xusto tras iniciarse a comisión que recibiu no seu correo electrónico o informe en concreto.
Begoña Rodríguez Rumbo esixiu que se remitira aos grupos este informe elaborado pola USC, que previamente recibiu nos días previos a Fegamp. Ata o momento só tiñan nas súas mans unha presentación en PowerPoint de vinte e cinco páxinas, saíndo a un custe de 1.000 euros por páxina, xa pasados catro meses dende a data fixada para a súa entrega.
Criticou que a Xunta demorase a delimitación competencial cos concellos, atribuíndo a estes competencias autonómicas sen terlles proporcionado o financiamento para desenvolvelas. A propia Fegamp denunciou en varias ocasións que esta situación está creando problemas económicos en moitos municipios galegos.
Entre as competencias que non asume a Xunta, Rodríguez rumbo destacou o mantemento dos centros de saúde e os centros de educación primaria como se acordou no Pacto Local do ano 2006. tamén que son os municipios quen pagan maioritariamente a gratuidade das escolas infantís, a pesar de que o goberno do PP foi quen publicitou a medida como propia.
A deputada socialista tamén lamentou a “escasa vontade” do PP na cooperación coas entidades locais, xa que non convocou unha reunión da Comisión galega de Cooperación Local, o órgano encargado de delimitar esas competencias, en sete dos seus catorce anos de goberno. Así mesmo, subliñou que o Fondo de Cooperación Local, que conta con 112,9 millóns de euros ao ano, non aumentou “nin un só euro” dende a chegada de Feijóo no 2009.