O secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage, remarca que o PP non pode ofrecerse como a renovación da cidade, xa que “vai no paquete de Jácome”
Paco Rodríguez quer que a cidadanía de Ourense “recupere a autoestima e a dignidade institucional” para levar á vila ao lugar “que lle corresponde”
23 de marzo de 2023. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, reivindicou que Paco Rodríguez é o aspirante á alcaldía que pode devolver a Ourense á Champions League das cidades”, xa que é “o único candidato” que pode traer o cambio á cidade, pois o PP está situado dende o 2019 “no paquete de Jácome”.
José Manuel Lage ofreceu unha rolda de prensa logo da xuntanza co comité electoral da cidade de Ourense, presidido pola secretaria local, Natalia González Beneitez, e na que participa o candidato, Paco Rodríguez, da que extraeron o obxectivo principal compartido de “devolver a Ourense á Champions League das cidades galegas”, para o que poñen “aos mellores xogadores no campo de xogo”.
O xefe do aparato dos socialistas galegos, a capital ourensá sofre actualmente unha “anomalía democrática” ao ser “a única cidade capital de provincia en España gobernada por tres concelleiros soamente”. Para reverter a situación, o PSdeG configurou a mellor candidatura posible para que Rodríguez volva a ser o alcalde e lle devolva a dignidade a Ourense.
Adiantou que os datos que manexan dende o PSdeG indican que “existe unha dinámica de cambio de Ourense”, a cal para eles “non pode vir da man do PP”, xa que estes gobernaron en coalición con Jácome ata hai escasos meses e antes gobernaba en solitario dende o 2015 ata o 2019. “O cambio pasa por botar ao Partido Popular do goberno local de Ourense”, incidiu Lage.
O secretario de organización socialista cre que “esta cidade leva moito tempo das dinámicas de políticas de vangarda e está ao marxe do tren do progreso para dar á cidadanía un futuro mellor” que está a levar a cabo o PSdeG no resto de cidades galegas nas que gobernan ou cogobernan.
Lage defende que Paco Rodríguez liderou o último goberno municipal que lle deu á cidade un proxecto serio. Na súa visita palpou ese cariño polo candidato, ao manter o recordo da súa xestión. Asegurou que teñen “un pacto coa cidadanía para que haxa un alcalde do que sentirse orgullosos”, o cal cre que vai a ser visto finalmente nas urnas o próximo 28 de maio.
AUTOESTIMA E A DIGNIDADE INSTITUCIONAL
Pola súa banda, o candidato Paco Rodríguez resaltou a motivación do comité electoral da cidade para “traballar no día a día, nos barrios e coas administracións” para “trasladar as súas propostas á cidadanía”. Teñen o obxectivo final de que “haxa un cambio para evitar seguir perdendo o tempo como nos últimos oito anos”. O candidato quere que a xente de Ourense poida “recuperar autoestima e a dignidade institucional” que permita levar á cidade ao lugar que lle corresponde.
PEONADAS NA SANIDADE PÚBLICA
José Manuel Lage cualificou de “ridícula” a decisión da Xunta de darlle un plus de 700 euros ao ano aos médicos por facer horas extras. Cre que son “peonadas” coas que o goberno galego “volver ás receitas do fraguismo” que non serven para “afrontar o serio problema coas listas de agarda na atención primaria”.
Para os socialistas a Xunta “está dando paos de cego constantemente”, derivando en que a sanidade sexa xa “o burato negro de Rueda como presidente”. Unha das decisións máis criticadas é a de manter os equipos directivos do anterior goberno de Feijóo, algo que para Lage “estanos custando moitos cartos a todos os galegos e galegas”.
Emprazou a que deixen de facer este tipo de medidas de urxencia que non solucionan o problema de fondo e atendan ás propostas socialistas de ter “máis investimento e máis persoal” para frear o colapso sanitario.
“ACTUACIÓN NEGLIXENTE” DE LÓPEZ-CHAVES
Lage tamén expresou á preocupación dos socialistas galegos pola sentenza do TSXG que “pon na picota” á Comisión Galega da Competencia porque apunta a unha “actuación neglixente” dun órgano presidido por un exdeputado do PP, Ignacio López -Chaves.
Denuncia que ante o feito de que “un tribunal saque as cores ao goberno galego” merece unha explicación pública. “non pode ser que Rueda mire para o outro lado” e deben dar explicacións no Parlamento de Galicia ante o que é un “asunto de máxima gravidade”. Esixe que “expliquen quen é responsable e por que non se fixo o traballo”.