Julio Torrado acusa a Comesaña de practicar o “escapismo” e lanzar globos sonda con “solucións máxicas” que logo nega
O portavoz de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, denunciou hoxe no Parlamento que Galicia non ten un problema en si mesmo de falla de médicos, senón de que lles ofrece as peores condicións laborais do Estado, incluíndo aos MIR que rexeitan vir á comunidade autónoma por ser a que peor lles paga.
Julio Torrado insistiu en que “non hai un problema de falla de médicos” xa que “producimos máis médicos dos que se xubilan”, polo que en realidade “estamos ante un problema de precariedade” na atención primaria e de condicións dos MIR, que marchan para outras comunidades ou países onde a oferta laboral é moito mellor para eles.
O representante socialista desmentiu a tese de que o goberno central non aporta as suficientes prazas MIR cun recurso gráfico onde se amosa que o executivo de Pedro Sánchez está incluso a duplicar as prazas convocadas polo de Rajoy. Ao que anexou outra gráfica onde se pode observar que Galicia é a comunidade que peor paga aos seus residentes en medicina, o que, sumado a un maior nivel de estrés no traballo, explica as prazas sen cubrir en atención primaria.
“Piden que lles abran a billa, pero non saben poñer o tapón”, incidiu Torrado sobre que fai falta cambiar a política laboral do Sergas para evitar a fuga de médicos. Recordou declaracións das portavoces do PP en Extremadura ou Euskadi que, estando en mellores condicións que Galicia o seu persoal médico, alertou de que “hai que pagar máis, senón lles damos mellores condicións vai a seguir pasando o que está pasando, vanse”.
O representante socialista recriminou nunha interpelación directa ao conselleiro de sanidade, Julio Comesaña, que estea mandando “globos sonda” nas últimas semanas con “solucións máxicas” para a atención primaria que logo de ser rexeitadas polos colectivos, pola opinión pública ou por un xulgado, sinala que nunca propuxo.
Algunhas destes polémicos anuncios que logo foron retirando ou negando dende a Consellería, aos que referiuse Torrado, son os de facer exercer ao persoal de enfermaría como de medicina na área sanitaria de Pontevedra, poñer médicos telemáticos “por tablets” nos centros de saúde, que os MIR traballen como médicos ou, o último deles, pechar algún centro de saúde. Ao fío disto, pediu a Comesaña que se adique a “ofrecer máis solucións aos pacientes e menos para a Consellería”, acusándoo de facer “escapismo” á hora de negar as súas propias verbas.
Negou tamén os datos aportados polo goberno sobre prazas convocadas de medicina, xa segundo el pasan o totalidade de prazas por novas, sen distinguir entre reposición e novos postos. Torrado recordou que das 1000 prazas anunciadas da convocatoria anterior, soamente hai 42 novos médicos de todas as especialidades xuntas.
Tras ser cualificado por parte de Comesaña como “trilero, deshonesto, mentiroso e manipulador”, Julio Torrado reprochou o uso desa linguaxe, así como que resaltou na situación na que se encontra para ter que recorrer a descualificación pola falta de argumentos para defender a súa xestión.