A secretaria de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, reclamou hoxe á Xunta que desenvolva un plan urxente para as residencias de maiores porque “algo fallou” cando as cifras de contaxios “desbordaron as previsións” do goberno galego.
A responsable socialista urxiu así ao goberno galego “máis persoal” para reforzar a atención nas residencias, así como estender as probas de coronavirus “para determinar o número de infectados” entre os usuarios e os traballadores e traballadoras.
Do mesmo xeito, Marina Ortega demandou protección para o persoal, a fin de “garantir a seguridade” tanto dos traballadores como dos usuarios deses centros.
“Estamos cada vez máis preocupados polo que está acontecendo”, subliñou a dirixente socialista, toda vez que os máis de 300 contaxios actuais superaron xa as cifras anticipadas polo goberno galego a semana pasada.
Así as cousas, o Grupo Socialista efectivizará mañá a solicitude de comparecencia da conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente xunto co resto da oposición, como xa anunciara estes días.