A deputada socialista, Carmen Rodríguez, reclamou á Consellería de Medio Rural “medidas e protocolos de prevención claros fronte a covid” para os traballadores que prestan servizos nas distintas brigadas antiincendios. A parlamentaria socialista recolleu así as demandas de sindicatos e profesionais, e urxiu ao goberno galego a dotar de “material, instalacións dignas e medidas para evitar riscos de contaxio”.
Carmen Rodríguez trasladou en comisión parlamentaria a denuncia da “falta de medidas de prevención e as condicións precarias que veñen padecendo” estes traballadores e que, segundo lembrou, se puxeron de manifesto coa noticia dun traballador positivo na Brigada do distrito XVII do Condado-Paradanta o pasado 23 de agosto que “obrigou a illar a 49 persoas, pola ausencia de distancia, mecanismos de desinfección e protocolos”.
A parlamentaria do PSdeG lembrou que nesta brigada os traballadores desenvolven a súa actividade “en módulos de obra e sen apenas servizos”, tanto é así, que neste contexto de pandemia “tiveron ata que mercar cos seus cartos unha lavadora para poder lavar a roupa de traballo e non levala así ás casas”, lamentou.
Neste sentido, Rodríguez instou á Consellería de Medio Rural a “tomar medidas” por unha banda materiais, como dotar ás bases, emisoras e casetas de termómetros dixitais, instalar lavadoras, arranxar “os problemas dos espazos comúns que están lonxe de ofrecer uns mínimos hixiénicos e sanitarios” e a dotación de material de protección e desinfección en instalacións e vehículos.
Por outra banda, a parlamentaria socialista salientou a importancia de contar con “protocolos e instrucións precisas” tanto para “garantir a seguridade e saúde laboral dos profesionais” como para evitar situacións de confinamento que “redundarían na paralización dun servizo necesario nun momento ademais no que o risco de lumes é elevado”, concluíu.