A deputada socialista Marina Ortega denuncia que Galicia “duplica” o tope legal fixado para resolver un expediente de dependencia, con 371 días fronte a 180
Santiago, 20 de xuño de 2021. A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de reclamar á Xunta que aumente o persoal dos equipos de dependencia como “a mellor fórmula para resolver unhas esperas desorbitadas”.
A modo de exemplo, a deputada socialista sinalou que Galicia “duplica” o tope fixado por lei para resolver un expediente de dependencia, que é de 180 días, chegando a necesitar ata 371 días para dar resposta.
“A Xunta recibiu do goberno de España unha cantidade de fondos sen precedentes para o plan de choque contra a dependencia”, recordou Ortega, quen fixo fincapé en que cómpre utilizar eses fondos para aumentar o persoal existente.
“É imprescindible e urxente que a Xunta use os cartos para o que máis falta fai, que é atender á xente. Non podemos seguir asumindo esta desprotección das persoas máis vulnerables”, incidiu a deputada do PSdeG, quen levará esta cuestión esta semana ao pleno do Parlamento.
E é que, como sinalou a parlamentaria ourensá, é necesario “un aumento significativo” do persoal dos equipos de valoración de dependencia e de resolución dos programas Individuais de atención.