O secretario de Políticas LGTBI, Javier Carballo, lembra que pese aos avances lexislativos introducidos polo Partido Socialista, as persoas LGTBI seguen a ser discriminadas e vexadas pola súa condición ou orientación sexual
Os grupos municipais socialistas presentarán unha moción nos concellos para instar á Xunta de Galicia a cumprir a lei LGTBI, así como a declarar todas as administracións públicas como espazos libres de LGTBIfobia
Con motivo do Día contra a LGTBIfobia, o PSdeG-PSOE redactou unha moción para instar á Xunta de Galicia a dar cumprimento á lei LGTBI autonómica. O documento, que se presentará en todos os concellos galegos a través dos grupos municipais socialistas, propón a declaración de espazos libres de LGTBIfobia todos os espazos da administración pública, como exemplo do compromiso e avance na materia.
Os secretario de Políticas LGTBI, Javier Carballo, denunciou que a Lei 2/2014 do 14 de abril pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia segue sen ter un regulamento dende a súa aprobación. Pese a recibir o apoio de todos os grupos políticos, oito anos despois segue sen levarse a termo colapsando o avance de Galicia como territorio diverso, inclusivo e progresista.
Ademais, o incumprimento da Lei LGTBI galega xunto coa infradotación orzamentaria de fondos destinados ao colectivo LGTBI, fai que os Centros de Información á Muller (CIMs) teñan que acoller as actividades de información e atención ao colectivo, recortando nos recursos de atención ás violencias machistas.
De acordo co artigo 8 da citada lei, apoiaríase a creación dun “servizo de información, atención e asesoramento a lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais e ás súas familias e persoas achegadas, en colaboración cos gobernos locais”, para prever situacións e agresións LGTBIfóbicas cara os galegos e galegas do colectivo LGTBI.
Porén, dende o 2014 que se aprobou a lei a Xunta non amosou disposición algunha para a creación destes servizos municipais, tan necesarios. Tal e como indica un recente estudo elaborado pola UXT, 6 de cada 10 traballadoras e traballadores LGBTI en Galicia teñen vivido algunha agresión deste tipo, dende comentarios de carácter despectivo a xestos ou agresións físicas.
Pese aos avances producidos no conxunto do Estado grazas a leis socialistas, como a propia lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación LGBTI que fora proposta polo PSdeG, as persoas LGBTI seguen a vivir situación violentas. Os concellos son as administracións máis próximas á cidadanía e cómpre que dispoñan dun servizo de asesoramento e atención LGTBI, onde non só asesorar e acompañar a persoas do colectivo. Tamén actuar como motor de concienciación e sensibilización en materia LGTBI, axudando a erradicar a LGTBIfobia.