A voceira de Igualdade, Noa Díaz, reclama fixar por lei que os consellos de administración nos que participe a Xunta cumpran coa presenza equilibrada dos dous sexos na súa conformación
Gonzalo Caballero subliña que “en Galicia hai moitísimas mulleres capacitadas, preparadas e dispostas” para estar na sociedade público-privada constituída para orientar os fondos Next Generation
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, e a voceira de Igualdade, Noa Díaz, presentaron hoxe unha proposición de lei para blindar a presenza equilibrada de homes e mulleres nos órganos de dirección dos entes nos que participe o goberno galego.
O líder do PSdeG defendeu esta proposta na importancia de que “non volvamos ter máis fotos da vergoña” como a da constitución da sociedade público-privada que orientará os fondos europeos e de cuxo consello de administración o goberno galego excluíu ás mulleres.
“En Galicia hai moitísimas mulleres capacitadas, preparadas e dispostas a estar á fronte desa sociedade público-privada dos fondos Next Generation, pero a Xunta decidiu que ningunha delas puidera estar. Ese é o feminismo do PP”, resumiu Gonzalo Caballero, argumentando así a necesidade dunha lei “que marque con claridade a presenza equilibrada de homes e mulleres” nos órganos de dirección nos que Galicia teña un papel relevante.
Gonzalo Caballero criticou a decisión do goberno galego de excluír ás mulleres dun órgano “que quere ser tan importante” como para xestionar a recuperación económica de Galicia cuns proxectos que “teñen que facer bandeira da cohesión e da igualdade”. Esta decisión supón, engadiu, “unha labazada” á loita pola igualdade ao “rachar coa presenza que teñen que ter as mulleres nos órganos de toma de decisións”.
Pola súa banda, a responsable de Igualdade, Noa Díaz, advertiu que “se as mulleres non estamos, é que non contamos”, e por iso presentou esta proposición: para fixar unha representación mínima do 40% para cada un dos sexos, acorde ao establecido no marco estatal, e para indicar tamén que a Xunta non debe participar nos consellos de administración nos que se incumpra este equilibro.
Nesta liña, a deputada socialista sinalou que a exclusión das mulleres nos postos de decisión consolida modelos que “replican as desigualdades”, e urxiu a “rachar cos teitos de cristal” como medida fundamental para “romper cos estereotipos sobre os que se asenta o machismo”.
PARTICIPACIÓN EQUILIBRADA
O Grupo Socialista reclama a participación equilibrada de homes e mulleres nos órganos superiores de dirección, nos órganos instrumentais dependentes, colexiados, comités de persoas expertas e comités consultivos. En definitiva, todos os consellos de administración nos que participe a administración xeral de Galicia ou calquera dos seus órganos dependentes deberán ter esta representación equilibrada que se considera en torno aos baremos mínimos do 40/60.
A reforma abrangue ademais aos tribunais e órganos de selección de persoal da administración autonómica, aos entes que integran o sector público instrumental e ás comisións de valoración de mérito para a provisión de postos de traballo. O goberno galego debe tamén “promover o equilibro nos órganos de dirección e decisión noutros ámbitos sociais, políticos, económicos, educativos, de saúde, culturais ou deportivos”.
Ao respecto, Noa Díaz remarcou que “Galicia non pode quedar atrás” á hora de adaptar o marco lexislativo, como teñen feito a maior parte das comunidades, e advertiu que exemplos como o da sociedade creada para xestionar os fondos comunitarios “perpetúan as desigualdades e en nada benefician ao bo funcionamento da democracia e tampouco ao bo funcionamento da sociedade”.
VIOLENCIA MACHISTA
Tanto Gonzalo Caballero como Noa Díaz comezaron a súa comparecencia hoxe lamentando os “atentados machistas” rexistrados nas últimas horas tanto en Canarias como en Andalucía.
En palabras do secretario xeral do PSdeG, o acaecido na illa é “especialmente triste, doloroso e repudiable por canto afecta á nenas, a parte da sociedade máis feble”. “Ténos a todos consternados”, reflectiu. Por iso, deixou claro que “non se pode baixar a garda” na loita para “erradicar a violencia machista” da nosa sociedade.