A loita contra as desigualdades constitúe a cerna dun documento aberto que dende hoxe está a disposición de todas as agrupacións para debater e emendar nas asembleas locais
A igualdade entre mulleres e homes ocupa un lugar preeminente no texto, tal como simboliza a elección da fin de semana do 8 de marzo para a celebración do Congreso
“Trátase dun proceso de abaixo arriba no que toda a militancia pode contribuír en igualdade de condicións e oportunidades”, valorou o coordinador do traballo, Julio Torrado
“Este é o relatorio marco das cen mans, pero o obxectivo é que a partir de hoxe o traballe toda a militancia para que se convirta no relatorio das dez mil mans”. Así describiu hoxe Julio Torrado o espírito do texto que o PSdeG debaterá dende hoxe e ata a fin de semana do 8 e 9 de marzo para que sirva de guía ao partido durante os vindeiros catro anos. O coordinador do documento agradeceu as súas achegas “a todas as persoas que colaboraron, ao equipo redactor e a moitas máis que contribuíron coas súas ideas en distintos ámbitos”, que foron arredor dun centenar. Tamén animou aos “preto de 10.000 compañeiros e compañeiras” do partido a participar no proceso de emendas que hoxe se abre e que culminará o próximo 9 de febreiro.
A loita contra as desigualdades, de todo tipo, é o eixo arredor do que se artella o relatorio. “Agora pasará pola militancia, que terá os vindeiros dez días para debater nas asembleas locais”, explicou Torrado. O que se acorde nesas reunións “chegará ao Congreso para ser debatido” nas diferentes comisións. “Trátase dun proceso de abaixo arriba no que toda a militancia pode contribuír en igualdade de condicións e oportunidades”, destacou.
O coordinador asegurou que o principal obxectivo é dar resposta ás “notorias desigualdades” que padece Galicia, con longas listas de espera en dependencia e en atención primaria, graves eivas no coidado da saúde mental, incrementos no prezo do alugueiro dun 45 % en só dez anos e a caída do poder adquisitivo da clase traballadora, entre outros exemplos que mencionou. “Somos o partido que ten o compromiso de loitar contra esas desigualdades”, insistiu, ao tempo que lamentou que mentres España avanza, Galicia “faino só por inercia, sen pulo propio”, como demostran os datos de emprego (o paro descende a metade na comunidade) ou os do crecemento económico (un incremento do PIB do 3,1 % no conxunto do Estado fronte a unicamente un 2,3 % en Galicia). Por todo iso, é necesario “impulso, decisión e ambición”, afirmou.
O relatorio sinala os asuntos relevantes e os que priorizarán a política en Galicia durante os próximos anos, e abórdaos “con determinación e valentía nas posicións”, marcándoas dun xeito “moi explícito”.
Julio Torrado destacou como “concrecións relevantes” do documento a igualdade entre homes e mulleres, e de aí a elección do 8 de marzo para a celebración do 15.º Congreso, como símbolo desa aposta pola igualdade. Tamén salientou a reivindicación das enerxías limpas, co hidróxeno verde como principal sistema de almacenamento, o endurecemento da lexislación medioambiental contra a implantación de industrias potencialmente contaminantes ou o rescate da AP-9, da man da gratuidade das autoestradas galegas.
Ao anterior únense propostas como enfrontar un cambio de modelo para Sogama, promover no sistema ferroviario servizos de proximidade, asumir a responsabilidade fiscal autonómica, impulsar a sanidade con atención primaria en menos de 48 horas e máis persoal para saúde mental, destinar máis recursos á dependencia, deseñar un novo modelo de residencias de maiores, desenvolver un plan de emprego para a mocidade ou establecer un pacto galego pola ciencia.
Torrado estivo acompañado na presentación por Silvia Fraga, Obdulia Taboadela, Patricia Otero, Carmen Rodríguez Dacosta e Aitor Bouza, que conformaron xunto con Nicolás González Casares e Abel Losada un equipo redactor que recolleu achegas de arredor dun centenar de persoas.