O secretario de organización, Lage Tuñas, resalta que o incremento do número de listas contribuirá a defender mellor “un modelo de xestión que é a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas de Galicia”
25 de abril de 2023. Despois de que este luns á medianoite finalizase o prazo para presentar as listas que optarán a gobernar logo das eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, o PSdeG confirma que terá unha candidatura no 97,5% dos concellos galegos.
Dende o partido fan unha valoración moi positiva do traballo realizado, xa que haberá catro candidaturas máis que no 2019, chegando a 305 dos 313 concellos galegos, así como a entidade menor de Berán, en Ourense.
Na provincia da Coruña aumentan o número de candidaturas, chegando a un total de 89 dos 93 municipios da circunscrición, tres máis que hai catro anos. Ademais, a renovación das cabezas de lista é dun 21%. Son tan só catro as localidades que non contarán con representación socialista, estas son Moeche, Curtis, Vilasartar e Boqueixón.
En Pontevedra se presentarán listas en todos os concellos salvo en catro, cubrindo 57 dos 61 concellos da provincia. Só quedan fóra algúns dos que teñen menos poboación, como Mondariz-Balneario, Dozón, Arbo e Agolada. Cabe destacar que o 40% das listas do PSdeG na provincia presentan un novo cabeza de lista en relación ao 2019.
Lugo e Ourense contarán cunha candidatura socialista en tódolos seus concellos. Na provincia luguesa, nos 67 concellos haberá un candidato do PSdeG, ao igual que hai catro anos, cun 37% de renovación. Destaca tamén o récord ata o de agora de mulleres que irán como candidatas á alcaldía, ata chegar a 24, o 36% do total.
Pola súa banda, na provincia de Ourense os 92 concellos terán unha candidatura socialista, cunha gran renovación nos cabezas de lista, xa que máis da metade dos candidatos son novos (51,1%).
O secretario de organización, José Manuel Lage, valorou moi positivamente estes datos, porque dixo que o PSdeG estará presenta no 97,5% dos concellos galegos “defendendo un modelo de xestión que é a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas de Galicia”.
Un modelo, engadiu, “que aposta pola xustiza social, que centra na economía os seus esforzos, pero sobre todo en construír cidades e pobos para vivir despregando políticas de igualdade que poñan as familias no centro da acción política dos concellos, apostando pola conciliación e a convivencia”. A través de “políticas saudables e sendo consciente de que o PSdeG hoxe por hoxe é básico, é vital, é a mellor ferramenta que teñen os cidadáns para garantir o progreso social”.