Javier Carballo denuncia as “cifras vergoñentas” do 0,0003% do orzamento que adica a Xunta a loitar contra a discriminación do colectivo LGTBI
O secretario de Dereitos LGTBI do PSdeG, Javier Carballo, presentou esta mañá a campaña “referentes”, coa que buscan reivindicar a figuras históricas do colectivo LGTBI, ben vinculadas á cultura ou ben ao activismo, que destacaron por desenvolver un labor pioneiro. Trátase de que a xente nova saiba que “ninguén pode menosprezar o seu talento pola súa condición sexual”.
O representante dos socialistas galegos en materia LGBTI, aproveitou a ocasión para denunciar que actualmente a Xunta destina un 0,0003% do total orzamentado da Xunta cara o 2023 para todas as políticas relativas ao colectivo. Tachou estas cifras de “inauditas e vergoñentas, que deberían sonrroxar ao señor Rueda”. Tamén remarcou a “falta de transparencia, de contido e de orzamento do Observatorio galego contra a LGTBIfobia”, así como a necesidade de desenvolver a Lei LGTBI de Galicia, paralizada dende o 2012.
Ante o recente nomeamento de Elena Rivo como conselleira da Xunta, que terá ao seu cargo as políticas desta materia, os socialistas non se amosan optimistas de cara a un cambio de actitude do executivo galego, pero aseguran ter unha actitude construtiva para mudar a falla de acción do PP neste ámbito.
Para defender a necesidade crecente destas accións e das políticas públicas contra a discriminación, Carballo fixo referencia a un informe presentado pola consultora LLYC que alerta de que en España nos últimos tres anos creceron un 132% as publicacións LGTBIfóbicas en redes sociais, mentres que as do apoio ao colectivo reducíronse nun 15,85% no mesmo período.
Carballo tamén sinalou que no Proxecto de lei de Cultura Inclusiva que saíu do Consello da Xunta observan unha “falta evidente de compromiso na loita contra a LGTBIfobia”, chegando incluso a darse “un feito moi grave” como é que o propio colectivo nin sequera aparece mencionado no documento que aporta o goberno galego. A pesar de apelar ao “sentido común” dos populares, asegurou que o grupo socialista no Parlamento presentará emendas á lei para corrixir estas eivas.
INCLUSIÓN NO MUNDO RURAL
O secretario de Dereitos LGTBI do PSdeG pormenorizou os detalles da campaña que presentan con motivo da celebración do Orgullo neste mes de xuño, pero que “estará presente durante todo o ano” xa que non cren nas “campañas estancas”. A mesma, tratará de reivindicar referentes co colectivo dentro do mundo da cultura, entre os que destacou aos galegos Tomás Fábregas, Elisa e Marcela ou Eduardo Blanco Amor, así como outros de ámbito estatal como Gloria Fuertes ou o socialista Pedro Zerolo.
O obxectivo primordial é dotar “aos nenos e nenas, e á xente moza” de “referentes”, xa que considera que o colectivo está “orfo” deles pola falta de reivindicación. Carballo impulsa este proxecto para “falar con orgullo da diversidade social en tódolos os ámbitos a pesar de que haxa correntes políticas que pretendan invisibilizarnos, que pretendan calarnos e devolvernos ao armario”, alegou.
A campaña circulará en torno á “memoria, cultura e diversidade” que considera “partes fundamentais do noso proxecto político e da médula espiñal como organización”. A primeira parte da mesma constará de publicacións en redes sociais, remarcando estes referentes e contando a súa historia vital.
Carballo anunciou tamén que a campaña contará cunha visita de representantes do PSdeG, este mesmo venres, á Granxa Maruxa, pioneira pola fundación do festival “Agrocuir”, para reivindicar “a importancia da visibilización diversidade sexual no ámbito rural”, neste caso a través da cultura. Nesta liña, adiantou que celebrarán un acto nun concello rural galego contando con referentes do colectivo LGTBI no ámbito universitario, empresarial e do activismo social.
Outro dos aspectos da campaña é a creación dun grupo de expertos con xente de diverso ámbitos como a universidade, a cultura e o activismo “para seguir traballando nesta axenda” e aportar novas propostas das que se poida nutrir o partido e a sociedade galega no seu conxunto.