Pablo Arangüena amosa “preocupación” ante a expansión da covid en Galicia e chama a Feijóo a “deixar de evadir responsabilidades” e exercer as súas competencias en sanidade, educación e xeriátricos
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2020. O Grupo Socialista solicitou hoxe formalmente perante a Mesa do Parlamento a apertura dunha comisión de investigación sobre o ocorrido nas residencias de maiores durante a primeira vaga da covid, toda vez que case a metade dos falecementos por coronavirus na nosa comunidade tiveron lugar nestes centros.
Diso deu conta aos medios de comunicación o vicevoceiro parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, quen amosou a súa confianza en que os grupos poidan chegar a un acordo para a apertura desa comisión “por cuestións de dignidade e de xustiza”. “Debémosllo ao pobo de Galicia”, recalcou.
Ademais, trala Xunta de Portavoces na que se fixaron os tempos do debate de investidura que terá lugar a semana próxima, Pablo Arangüena urxiu a toma de decisións por parte da Xunta nun momento no que a covid estase estendendo por Galicia con “moita rapidez”. “Estamos moi preocupados”, manifestou.
Frente a iso, o deputado socialista criticou “a inacción e o desleixo” do goberno galego e chamou a Feijóo a “deixar de evadir responsabilidades” e a “exercer as súas competencias, que son plenas, en materia de sanidade, educación e residencias de maiores”. “A súa estratexia de deixar que os problemas se arranxen sós xa non vale”, advertiu.
Ao fío disto, reprobou a “ausencia de protocolos” da Xunta para organizar o inicio do curso escolar e chamou ao goberno galego a atender ao decálogo feito público onte polo PSdeG e incrementar a contratación de profesores, toda vez que Galicia está “á cola” en reforzo docente de cara á volta ao cole en comparación co resto das autonomías.
Ademais, Pablo Arangüena reclamou que se poña fin á “opacidade” do goberno galego en canto ao número de rastrexadores covid que operan en Galicia, posto que a cifra de máis de 6.000 feita pública é “unha falsidade evidente”. Esixiu, por tanto, coñecer exactamente cantos profesionais deste tipo están traballando en Galicia.