Gonzalo Caballero pide activar “todas as medidas para protexer aos nosos maiores en residencias” ante o crecemento do número de contaxios.
Santiago, 28 de marzo de 2020. O PSdeG solicitará a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e Política Social ante a Deputación Permanente para dar conta da evolución da crise sanitaria do COVID-19 e dos seus efectos sociais, e específicamente para coñecer os contaxios de coronavirus nas residencias de maiores en Galicia e o plan de accións e medidas.
“Estamos moi preocupados”, manifestou Gonzalo Caballero, quen reclamou que a Xunta poña en marcha “todas as medidas para protexer a os nosos maiores” que se atopan en residencias.
Así o dixo logo de coñecer que o goberno galego está estudando converter tamén a residencia de Barreiro, en Vigo, nun centro para maiores afectados polo covid-19.
“A Xunta anunciara dúas residencias integradas, pero as previsións están desbordadas”, apuntou Gonzalo Caballero, quen sinalou que na residencia de Vigo hai máis de 40 persoas contaxiadas xa confirmadas pero que a preocupación é crecente.
Así as cousas, o líder dos socialistas galegos pediu que os membros de goberno galego dean “toda a información coa máxima transparencia” e que se actúe “con dilixencia” no coidado dos maiores, “cumprindo todos os protocolos”.