Acusa ao deputado do Bloque no Congreso de poñer en dúbida a masacre de Bucha, corrobada por institucións e medios independentes
O secretario de Organización do PSdeG advirte que a posición do BNG supón un tic máis propio dunha forza antisistema que dunha institucional
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, manifestou hoxe a súa “perplexidade” diante da posición que está mantendo o BNG sobre a guerra de Ucraína e que mesmo pon en dúbida a veracidade da masacre de Bucha, confirmada por diversas institucións e organismos internacionais, así como por medios de comunicación tan prestixiosos como a BBC.
Os socialistas galegos consideran que a posición do BNG sobre a invasión de Ucraína por parte de Rusia “está moi alonxada do sentir maioritario do pobo galego” e ven preocupante que a formación nacionalista galega estea máis “obsesionada coa OTAN” que polo sufrimento de millóns de persoas vítimas da guerra de Putin, que ven ameazadas as súas vidas e que teñen que fuxir apresuradamente do seu país.
O PSdeG tamén expresa a súa admiración pola coraxe demostrada polo presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, na defensa do seu país e reproba que, coincidindo coa súa intervención no Congreso dos Deputados, o parlamentario do BNG Néstor Rego cuestionara a destrución e a barbarie de Bucha pedindo unha “investigación independente e con garantías”. Entende José Manuel Lage que esta actitude representa un tic máis propio de posicións antisistema que dunha forza política institucional.
“Pedímoslle á señora Pontón que desautorice a Néstor Rego por poñer en dúbida as imaxes e os datos que hai sobre a masacre de Bucha”, demandado o secretario de Organización do PSdeG, que avanzou que os socialistas galegos promoverán iniciativas en todas as institucións para “condenar a masacre de Bucha, reafirmando a nosa solidariedade co pobo ucraíno e sinalando claramente aos agresores”.
José Manuel Lage tamén subliñou que dende o PSdeG-PSOE “claro que respaldamos a posición que está mantendo o Goberno de España, xunto cos seus aliados no marco europeo e na Alianza Atlántica, de apoio a Ucraína, ao seu pobo, ao seu presidente, e tamén, por suposto, ao envío de armas”. E engadiu: “Expresamos este apoio sen medias tintas”, dentro da nosa participación na Unión Europea e na OTAN, e na defensa do que Goberno lexítimo de Ucraína.