O portavoz da Executiva, Julio Torrado, adiantou que os socialistas desenvolverán ao longo dos vindeiros meses un programa co que pretenden “sacar a política do Parlamento e das sedes” para perfilar as conclusións no Congreso que se celebrará tras o federal
Criticou que a Xunta se quede co que recadará de máis pola suba do canon de Sogama “para tapar os buratos dos impostos que lles quita aos ricos” e lembrou que os socialistas iniciaron hoxe en Pontevedra unha ofensiva contra o incremento do prezo do lixo e que continuará en todos os concellos afectados
Fronte a un Goberno da Xunta “vago e que lles sae moi caro ás galegas e aos galegos”, o PSdeG trasladará ao longo dos próximos meses a diferentes puntos de Galicia “os debates reais” que preocupan á cidadanía para darlles voz a expertos e á sociedade civil e recoller as súas propostas. Así o avanzou hoxe o portavoz da Comisión Executiva Nacional Galega, Julio Torrado, tras a reunión do órgano de goberno do partido.
O voceiro da CENG avanzou que se trata dun ciclo de xornadas que pretende “sacar a política do Parlamento e das sedes” co fin de abordar tanto nas cidades coma no rural da comunidade “os temas importantes”, dende a vivenda e o despoboamento ata a economía e a sanidade, pasando polo emprego, a industria ou a educación, entre outros asuntos. Torrado explicou que a dirección socialista está rematando de pechar temas, lugares e participantes nos encontros e que próximamente presentará o programa, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses, antes do Congreso ordinario que previsiblemente se celebrará no primeiro trimestre do 2025.
A convocatoria do máximo órgano do PSdeG virá marcada, precisou, polas datas do Congreso Federal que o PSOE prevé convocar de xeito oficial a próxima fin de semana, e no que os socialistas galegos “terán unha participación importante”, especialmente en cuestións como o financiamento singular que precisa Galicia polas condicións específicas da comunidade, tal como vén reclamando o PSdeG. “Despois, no Congreso galego, corresponderá perfilar as políticas que nos permitirán, ao fío desas conferencias, presentar un proxecto político para a cidadanía”.
Julio Torrado contrapuxo o traballo que están a desenvolver os socialistas galegos de cara ao novo curso político coa falta de acción dun Goberno autonómico “que sae moi caro”, posto que “non está tomando medidas e non está enfrontando os problemas”. Un dos exemplos que puxo foi a suba do canon de Sogama, que se traducirá para a cidadanía en que “vai acabar pagando de máis polo recibo do lixo”, algo que o Grupo Socialista vén advertindo dende xuño. Felicitouse por que agora “outros grupos parlamentarios se sumen ás reivindicacións que levamos meses facendo”. “Xa só nos falta convencer ao PP”, ironizou sobre un asunto no que o PSdeG levará a cabo unha ofensiva en todos os concellos afectados, tal como avanzou onte o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, e que hoxe comezou no de Pontevedra.
“A pesar de todo o que se ten dito, o problema é que hai unha directiva europea que penaliza fiscalmente modelos como o que emprega a Xunta, que é o de queimar e enterrar”, explicou Torrado, e subliñou que, aínda así, a Xunta se vai quedar co que se recade de máis por esa penalización, pero “probablemente” use eses ingresos “para tapar eses buratos dos impostos que lles quitan aos ricos”.
“Eses cartos vaise quedar con eles o Goberno de Rueda”, insistiu, como tamén o fixo na necesidade de cambiar o modelo de xestión dos residuos “para que isto non siga pasando no futuro, para que sexamos medioambientalmente máis sostibles e para que non lle saia máis caro á cidadanía”.
O portavoz da Executiva animou ao Goberno galego a presentar uns Orzamentos pensados para financiar correctamente os servizos públicos e que non sigan incrementando o custe da sanidade ás galegas e aos galegos, que están a aumentar a súa achega a seguros privados porque a Xunta non inviste no sistema público.