Nicolás González Casares cuestiona que o proxecto cumpra cos requisitos medioambientais, sociais e económicos e advirte que a esixencia ambiental para concorrer a fondos comunitarios é “máis profunda que a DIA” da Xunta
O europarlamentario galego e membro da Executiva do PSdeG, Nicolás González Casares, advertiu hoxe que “semella que Rueda e a Xunta están empeñados en enganar aos galegos e ás galegas co proxecto de Altri” para Palas de Rei. Advirte que a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental -DIA- anunciada onte “non da acceso directo a recibir fondos europeos”.
O responsable socialista apuntou que se trata dun trámite máis, pero os fondos do Plan de Recuperación requiren do cumprimento co precepto de non facer un dano significativo que figura no Regulamento da taxonomía europea. Explicou que se a empresa quere concorrer en competencia por estes fondos comunitarios deberá pasar unha valoración “que non fai a Xunta e que é máis profunda que a DIA”.
González Casares cuestionou que o proxecto avalado pola Xunta cumpra cos requisitos medioambiental, social e económico que están a reclamar os socialistas galegos. Advirte, en primeiro lugar, que dende o punto de vista medioambiental “presenta serias dificultades”, ademais de que Galicia ten un expediente aberto por incumprir coa protección do territorio, e cando o proxecto de Altri quere instalarse precisamente nunha zona que estaba prevista para a Rede Natura.
Ademais, sinala que “ninguén nos acaba de explicar por que hai que darlle millóns de euros de cartos públicos a fondo perdido a unha celulosa” cando xa hai unha factoría de papel a 100 quilómetros ao norte e outra a menos de 100 quilómetros ao oeste. Puntualiza que “non é estratéxico nin para Galicia nin par ao resto de España ter máis plantas de celulosa”, ademais do “risco inmenso” que representa para a biodiversidade de Galicia.
Finalmente, o europarlamentario galego engade que a falla de licenza social resulta “evidente” diante do sentir “bastante maioritario” dos galegos e das galegas en contra deste proxecto para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei.